O programa cultural do Gaiás bate marcas de público

Unhas 250.000 persoas participaron en actividades deste tipo na Cidade da Cultura durante 2024

Unhas 250.000 persoas participaron en actividades deste tipo na Cidade da Cultura durante 2024
Exposición Unha vida viquinga. Fonte: Cidade da Cultura
A Consellería de Cultura daba a coñecer este 19 de decembro a conta de visitas ao programa cultural da Cidade da Cultura. Segundo estes datos, e a contar coas cifras de decembro, o centro do monte Gaiás pechará 2024 co maior número de visitantes da súa historia durante doce meses.

En total foron unhas 250.000 persoas as que se achegaron as actividades culturais deste complexo ao longo do ano, das que máis de 50.000 foron visitar a exposición Unha vida vikinga. A cifra total supón un incremento do 30% a respecto da xente que participou nos programas da Cidade da Cultura no anterior exercicio.

Segundo adiantou a Consellería, foron as exposicións internacionais as que impulsaron este crecemento, Tesouros Reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum e Unha vida viquinga, que se sitúan entre as mostras máis visitadas desde a inauguración do complexo, ou Tattoo. Arte baixo a pel aparecen como as iniciativas máis destacadas neste sentido. As cifras oficiais revelan que por cada euro de investimento público no complexo, este devolve 2,04 euros á sociedade.