A Cidade da Cultura superou o millón de visitas en 2022

A Xunta sinala que foi o ano que máis exposicións houbo no recinto nos seus dez anos de actividade

A Xunta sinala que foi o ano que máis exposicións houbo no recinto nos seus dez anos de actividade
A Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia ven de facer público o seu balance de asistencia e actividade da Cidade da Cultura durante o 2022. Segundo este departamento o complexo do Gaiás superou o millón de visitas e acadou unha cifra de 28 exposicións organizadas nun mesmo ano, o máximo desde o inicio da actividade e que coincide coa celebración do décimo aniversario do Museo Gaiás. Entre os fitos a destacar deste pasado 2022 están as mostras que se levaron a unha decena de centros e museos doutras localidades como parte do seu programa de itinerancias e a posta en marcha do Edificio Fontán, que acolleu un total de 112 eventos (congresos, seminarios, foros...), nos que participaron máis de 11.000 persoas. O balance cultural de 2022 na Cidade da Cultura péchase cun total de 200 actividades e máis de 190.000 asistentes, datos que acreditan como o número de participantes no programa do Gaiás se duplicou na última década.



Ao longo deste Ano Santo bienal, o Gaiás contribuíu de xeito moi significativo ao programa do Xacobeo 21-22, principalmente a través da organización da súa oferta expositiva, producindo mostras polas que pasaron máis de 200.000 persoas e con títulos como Xacobeo. As pegadas do Camiño ou a triloxía formada por Galicia, un relato no mundo, Galicia, de Nós a nós ou Galicia futura. O Gaiás, seguindo os obxectivos fixados no seu II Plan Estratéxico, impulsou un programa de itinerancias co fin de levar os seus contidos a outros centros culturais principalmente de dentro de Galicia, pero tamén de fóra. Neste eido, Cidades no tempo foi a principal aposta, unha proposta loxisticamente complexa que supón a organización dunha mostra en cada unha das sete principais cidades galegas e que botou a andar en 2022 con Santiago e Ferrol no tempo. Xunto a estas dúas cidades, o programa de itinerancias fixo posible achegar exposicións do Gaiás a Vigo, A Coruña, Lugo, Lalín, Tui ou Madrid. Por outra banda, un ano máis cabe salientar como o equipamento e a capacidade das instalacións da Cidade da Cultura serve á Xunta de Galicia para dar resposta a demandas especiais. Así, o edificio CINC está a acoller o xuízo do Alvia, unha das causas máis complexas da historia xudicial galega, entre outros factores, polo elevado número de partes que participan. Nesta liña, o Gaiás colaborou de novo co Sergas ofrecendo a Sala Eisenman como centro de vacinación, espazo polo que pasaron 265.000 persoas e que rematou de cumprir esta función o pasado novembro. Estas cifras quedan excluídas do cómputo global.