A Xunta contabiliza un importante aumento de público nos seus museos

Os máis de medio millón de visitantes supoñen un 23 por cento por riba do 2023

Os máis de medio millón de visitantes supoñen un 23 por cento por riba do 2023
Foto: Xunta de Galicia
Os museos xestionados pola Xunta de Galicia recibiron durante o 2024 un total de 576.866 visitantes, o que supón un 23% máis que no ano anterior, cando o balance do exercicio sumou 468.612 visitas en 13 equipamentos. A Xunta de Galicia ven de informar destes datos, segundo os cales o incremento de afluencia máis destacado do ano rexistrouno a Cidade da Cultura coa participación de 242.222 persoas nas exposicións e actividades do Museo Gaiás que en 2023 contabilizara 113.000. Neste senso, destacaron as mostras de longa exhibición 'Tesouros Reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum', á que acudiron 39.798 persoas entre marzo e agosto, e 'Unha vida viquinga', con 60.123 desde xullo ata este 5 de xaneiro de 2025. Tamén o Museo das Peregrinacións e de Santiago aumentou as súas cifras con 60.986 asistentes, 12.000 máis que o ano pasado, cunha programación na que a gran protagonista foi 'Verba Volant Picta Manent', unha selección de obras coas que se conmemoraron os 25 anos do inicio das exposicións temporais no centro.

A estes dous espazos séguenlle en número de visitas o Centro Galego de Arte Contemporánea, en Santiago, e o Museo de Belas Artes na Coruña. O primeiro recibiu no 2024 a 55.030 persoas. Pola súa parte, o Museo de Belas Artes contou con 50.626 visitantes cun programa no que destacou unha recompilación das doazóns recibidas para a súa colección entre 2015 e 2023.Tamén na provincia da Coruña, o Museo Camilo José Cela, en Padrón, sumou 4.890 visitas tanto á súa exposición permanente como a outras actividades impulsadas pola entidade do Goberno galego entre os que se inclúe o ciclo musical Extramundis.

En canto aos centros da provincia de Pontevedra, o Museo do Mar de Galicia, en Vigo acadou unha afluencia de 39.158 persoas. Pola súa banda, foron 18.512 os visitantes que se achegaron ao Museo Massó de Bueu. A estas cifras hai que engadir as 12.529 persoas que acudiron ao Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro. Pola súa banda, en Ourense, o Museo Arqueolóxico Provincial rexistrou un total de 15.931 entradas para profundar nos seus fondos. No que respecta ao Museo Etnolóxico, foron 11.908 os visitantes contabilizados nun ano no que sobresaíu a mostra 'Ribadavia no seu patrimonio relixioso'. Tamén en Ribadavia, o Museo do Viño de Galicia recibiu a 6.907 persoas. Ademais, o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, en San Cibrao de Las, tivo 10.386 visitas. En Lugo, interesáronse en coñecer o Museo do Castro de Viladonga un total de 47.781 persoas, seguindo na mesma liña de visitas que en 2023.