A Deputación da Coruña apoia a cultura con 2,15 millóns de euros en subvencións

Abre catro liñas de axudas para museos e bibliotecas, empresas do audiovisual e entidades sen ánimo de lucro

Desde este 16 de decembro e durante un mes está aberto o prazo de solicitude para catro liñas de apoio á Cultura da Deputación da Coruña. A entidade anunciou un investimento de 2,15 millóns de euros que se repartirán entre entidades titulares de museos, centros de interpretación e bibliotecas, empresas do audiovisual e entidades sen ánimo de lucro.

A primeira das liñas está destinada a "fundacións, entidades titulares de museos, centros de interpretación ou bibliotecas e entidades con función de representación sectorial e colectiva das persoas ou entidades dos ámbitos profesionais e amadores da cultura galega". Orientada ao desenvolvemento de proxectos e á realización de actividades culturais durante 2025, repartirá 550.000 euros, cun mínimo de 5.000 e un máximo de 30.000 por solicitude.

A entidade destina outros 150.000 para apoio "á distribución, comercialización e exhibición audiovisual en lingua galega na provincia da Coruña durante 2025". As empresas de produción e distribución audiovisual poderán aspirar a un máximo de 30.000 euros cada unha no caso de resultar seleccionadas.

Finalmente, as entidades sen ánimo de lucro teñen aberto o prazo para se presentar ás axudas para realización de actividades culturais na provincia. A liña conta con 950.000 euros de orzamento e achegará ata un máximo de 30.000 euros por proposta beneficiaria. Ademais, poden optar ás axudas para a realización de investimentos culturais, unha liña dotada con medio millóns de euros de créditos e contías máximas de 15.000 euros por solicitude.