A Deputación da Coruña achega 2,6 millóns a seis liñas de subvencións culturais

Xa están no BOP as bases para programas culturais e investimentos de entidades veciñais, culturais, sociais, titulares de museos e formacións musicais

O pasado 24 de xaneiro o Boletín Oficial da Provincia da Coruña estivo a publicar as bases de seis convocatorias das diferentes liñas de axudas que convoca a Área de Cultura da Deputación. En conxunto son 2,6 millóns, 100.000 euros máis que no pasado anos, os que a entidade distribúe nestas subvencións, orientadas a "programas culturais e investimentos de entidades veciñais, culturais, sociais, educativas ou asistenciais sen ánimo de lucro, e tamén para titulares de museos, centros de interpretación e bibliotecas".

De xeito máis concreto, as fundacións e a entidades sen fins de lucro da provincia titulares de museos, centros de interpretación ou bibliotecas poden optar a 500.000 euros para desenvolver os seus programas de actividades culturais. Outros 950.000 destínanse ao mesmo fin nas entidades se ánimo de lucro, tanto culturais como veciñais, socioeducativas ou asistenciais, mentres outra partida de 300.000 euros cubrirá os investimentos deste tipo de colectivos.

Os programas de corais polifónicas, bandas de música populares, entidades de música e baile tradicional galego e formacións musicais de grande formato optarán a axudas por valor de 480.000 euros para actividades e outros 200.000 para investimentos. Finalmente para entidades sen ánimo de lucro "con función de representación sectorial e colectiva a nivel galego das persoas ou entidades existentes nos diferentes sectores profesionais e amadores da cultura" a entidade reserva 200.000 euros. O prazo de presentación das diferentes convocatorias farase público no BOP ao longo dos vindeiros días.
Ligazóns