A Deputación da Coruña resolve as súas axudas culturais a entidades sen ánimo de lucro

O BOP publica tamén a adxudicación e subvencións a proxectos singulares

As tres grandes liñas de apoio a entidades culturais sen ánimo de lucro que promove a Deputación da Coruña, destinadas a actividades, investimentos e festivais, contan xa coa resolución correspondente á convocatorias de 2023. O Boletín Oficial da Provincia recolle este 23 de outubro ademais a concesión das subvencións para proxectos culturais singulares de entidades lucrativas.

No campo dos fondos para actividades culturais de organizacións non lucrativas, o fallo da liña de axudas que se fixo pública recolle unha achega provisoria total de 948.774 euros que se reparten en 181 entidades. Outras dez están condicionadas a aclarar diferentes cuestións dos proxectos ou das memorias presentadas para recibir os 41.756 euros que se lles adxudicaron. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, con 25.500 euros, seguida do Ateneo de Santiago, a AC Alexandre Bóveda e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, con 25.000 euros concedidas por cabeza, son as entidades máis beneficiadas.

En canto a festivais, repártense 617.686 euros entre 36 citas, das cales tres teñen condicionada a concesión a resolver diferentes cuestións. O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo e o mostra de cinema (S8) foron as iniciativas que conseguiron máis apoio da entidade provincial, con 45.000 euros cada unha. Outro encontro de cinema, o Intersección, e mais o festival Carrilanas de Esteiro seguen a listaxe de concesións con 30.000 euros.

Pola súa banda, a resolución da convocatoria destinada a investimentos culturais para entidades non lucrativas, que foi publicada xa o pasado 8 de setembro, distribuíu 293.777 euros entre 87 solicitudes. ADEGA e a AC Alexandre Bóveda encabezan de novo as adxudicacións con 12.750 euros cada entidade.

No caso dos proxectos culturais singulares que se apoian a entidades lucrativas, a resolución concede un total de 209.506 euros, e a estas súmanse outros 74.235 de axudas condicionadas, cun total de 26 entidades beneficiadas. Neste ámbito, os proxectos que conseguen máis apoio son o proxecto cinematográfico titulado Na pausa sobre a ruptura coa violencia intrafamiliar de Serea Producións e mais o proxecto didáctico contra a LGBTIfobia a cargo da consultora Promove, con 18.000 euros cada un.