A Fundación Barrié e a RAGC recoñecerán as mellores investigacións de cada ano

Haberá cadanseu premio de 5.000 euros para as áreas de Ciencias Sociais, Básicas e Técnicas

| Santiago. Redacción | Seccións: Ciencia
Compartir:

A Real Academia Galega de Ciencias e a Fundación Barrié asinaban este 10 de decembro o convenio polo que crean os Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC. Estes novos galardóns, que teñen xa aberta a súa primeira convocatoria, queren "recoñecer a investigación do máis alto nivel que se desenvolve na nosa comunidade". Outorgaranse tres premios principais de 5.000 euros cada anos nas áreas de Ciencias Sociais, Básicas e Técnicas.

A convocatoria prevé ademais que se poidan conceder cadanseu accésit nas categorías de Ciencias Sociais e Técnicas, cifra que se amplía a dous no caso das Ciencias Básicas. Segundo lista a presentación dos galardóns, "os traballos de investigación deben estar realizados nalgunha das áreas temáticas das seccións da Academia: Matemáticas, Física e Ciencias da Computación; Química e Xeoloxía; Bioloxía e Ciencias da Saúde; Ciencias Técnicas; ou Ciencias Económicas e Sociais".

O prazo de presentación de solicitudes aos galardóns está aberto ata o vindeiro 10 de xaneiro para investigacións publicadas ou aceptadas para publicación en revistas de difusión internacional con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2023, e só se admitirá unha solicitude por persoa.

Que che parece esta nova?
53 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Fundación Barrié, Real Academia Galega de Ciencias