A loita contra o cancro, e a sostibilidade en pesca e comercio electrónico gañan os Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC

Os galardóns recoñecen traballos en Ciencias Sociais, Técnicas e Ciencias Básicas en Galicia

21/1/2026 | Santiago. Redacción | Seccións: Ciencia
89 lecturas | Compartido 1 veces
A Real Academia Galega de Ciencias e a Fundación Barrié veñen de outorgar os "Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC", destinados a recoñecer as mellores investigacións que se desenvolve na nosa comunidade en Ciencias Básicas, Técnicas e Sociais. Os tres traballos distinguidos nesta segunda edición recibirán 5.000 euros cada un. O premio na categoría de Ciencias Sociais foi para un equipo da Escola de Enxeñaría Industrial da UVigo que traballa na xestión sostible da denominada última milla no comercio electrónico. Esta investigación foi realizada en colaboración coa Universidade Libre de Bruxelas, a de Liverpool e a Politècnica de València.
O premio na categoría de Ciencias Básicas recaeu nun proxecto liderado por María Dolores Mayán Santos, do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) da Universidade de Vigo, en colaboración con outros equipos nacionais e internacionais. O equipo que identificou unha nova diana terapéutica capaz de frear o crecemento dun tipo de tumores resistentes aos fármacos . O premio na categoría de Ciencias Técnicas foi para o grupo coordinado por Cristina Gallego Rodríguez, do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais -CRETUS- da USC. O seu traballo aborda un dos grandes retos actuais da industria pesqueira: que facer cos enormes volumes de subprodutos que se xeran, como a pel do peixe. Os tres traballos distinguidos nesta segunda edición recibirán os seus premios un nun acto que se celebrará o 28 de xaneiro no Pazo de San Roque de Santiago, coincidindo coa apertura do curso académico da RAGC. Concedéronse ademais varios accésit en cada unha das tres categorías.

Universo culturagalega.gal