O VII Compostela Lírica bate marcas de participación

Un total de 28 intérpretes compiten o 6 e 7 de decembro na final do certame de canto

O Auditorio de Galicia, en Santiago, acolle entre os días 6 e 7 de decembro a fase final do VII concurso de canto Compostela Lírica. O certame que organiza a Asociación de Amigos da Ópera da capital galega bateu nesta xeira a súa marca de participación, ao contar con 85 intérpretes inscritos de 24 países diferentes.

Unha primeira sesión aberta ao público, ás 17 horas do día 6, permitirá escoitar as totalidade das voces participantes, mentres sábado 7 poderán coñecerse as dez persoas finalistas entre as que se escollerán os nomes gañadores. Nesta fase final 28 persoas de 11 nacionalidades competirán polos tres galardóns do certame.

O primeiro premio conta cunha dotación de 4.000 euros e tres actuacións remuneradas coa Real Filharmonía de Galicia, no Festival Les Musicales du Luberon e durante a temporada da Ópera de Oviedo. O segundo premio suma 2.000 euros e un recital remunerado en Santiago de Compostela. O terceiro, á súa vez, está dotado con 1.000 euros. As voces galegas optarán ademais a se facer co Diploma Andrés Gaos, que outorga un recital remunerado dentro das actividades do Consello da Cultura Galega.

Arturo Reverter, Patrick Canac, Aquiles Machado, Elisabete Matos, Graziela Valceva Fierro, Celestino Varela e Maciej Pikulski compoñen o comité de selección do certame.