Os relevos do castro de san Vicente expoñeranse nunha xornada divulgativa

As pezas estarán expostas no Centro Multiusos de Avión durante a ponte

Os veciños de Avión poderán contemplar as espectaculares pezas gravadas aparecidas durante as escavacións arqueolóxicas no castro de san Vicenzo no pasado verán. Será durante dous días, nunha exposición aberta ao público entre as 11 e as 14 horas do Centro Multiusos de Avión, os días 7 e 8 de decembro. Agás indicación contraria, de acordo coa lei de Patrimonio Cultural as pezas deben ser depositadas no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense ao finalizar os traballos e as memorias das intervención arqueolóxica, así que esta é unha gran oportunidade para que os veciños coñezan as evidencias achadas. Nese mesmo recinto organizarase unha conferencia de presentación dos resultados da intervención arqueolóxica. O evento está organizado polas entidades promotoras da campaña, a Asociación Cultural "Vive Avión" e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Xusto, en colaboración co concello. O domingo ás 12.30 horas haberá tamén unha visita guiada ao xacemento.