O Museo de Pontevedra pon en liña os seus fondos

A través do web da institución pódense consultar e ver máis de 25.000 pezas

A través do web da institución pódense consultar e ver máis de 25.000 pezas
O sitio web do Museo Provincial de Pontevedra ven de abrir a sección 'Explora a colección' a través da que é posible acceder a fichas de todos os seus fondos, con cadansúa imaxe. Dispoñendo dunha ferramenta de busca na colección na que se poden usar diferentes criterios tales como autor, época ou técnica entre outras, o Museo pon en liña deste xeito ata 25.182 bens que custodia o Museo, a maior parte deles non exhibidos en sala e que supoñen o 90 % das obras rexistradas na colección de obxectos históricos e artísticos do Museo. Por poñer en comparación, o Museo de Belas Artes da Coruña, dispón na súa web de acceso similar algo máis de 1.300 pezas. Durante a presentación tanto o vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, como a directora da institución, Ángeles Tilve, agradeceron ao equipo de conservación do Museo o traballo na elaboración das fichas dos bens catalogados e destacaron que este é un proxecto que se realizou integramente por persoal propio, tanto os contidos realizados no Museo como a ferramenta tecnolóxica desenvolvida polo departamento de Novas Tecnoloxías da Deputación.

Usando 'Explora a colección' pódense consultar as 1.795 obras de Castelao que custodia o Museo, as 611 pezas da colección de cerámica de Sargadelos ou as 341 pezas de acibeche, por citar algúns exemplos. Tanto para o público xeral como para o público especialista, trátase dunha funcionalidade que permite acceder a un coñecemento moito máis profundo da colección, xa que pon ao seu alcance a información sobre moitas máis obras das que teñen cabida na exposición permanente do Museo. Esta aplicación complétase con Atopo, a ferramenta da Deputación que entre outros, dá acceso aos fondos da biblioteca e do arquivo do Museo. Entre as funcionalidades previstas en próximas actualizacións está a incorporación de información de detalle sobre as obras, con enlaces a documentación de carácter científico e divulgativo existente na web do Museo sobre esas pezas, a posibilidade de extraer informes en PDF a partir das buscas realizadas ou a suxestión de obras relacionadas que poidan interesar á persoa que fai a busca