O Museo do Pobo publica en liña a colección do Seminario de Estudos Galegos

O novo web recolle 225 rexistros dos fondos da centenaria entidade

3/10/2023 | Santiago. Redacción | Seccións: patrimonio
43 lecturas | Compartido 0 veces

Fondos do SEG. Fonte: Museo do Pobo Galego.

A conmemorar o centenario do Seminario de Estudos Galegos, o Museo do Pobo publicaba este 3 de outubro un web que recolle os fondos que conserva daquela institución. O catálogo en liña, que achega diferentes imaxes e información sobre cada un dos obxectos, dá acceso a un total de 225 rexistros, que se poden consultar a atender a criterios como a procedencia do obxecto, o material do que está feito ou a técnica empregada no mesmo.
Dentro dese material atópanse "pezas relacionadas co patrimonio musical, como unha zanfona de nogueira, ferro e óso do século XIX; coa vestimenta tradicional galega, como unha coroza de comezos do século XX; ou cos oficios artesanais, como unha colección de ferraxes ou as pezas de olería de Buño ou Niñodaguia, entre outras", explica o centro.

Segundo sinala o Museo do Pobo, a entidade custodia estas pezas desde a súa fundación "por expreso desexo das persoas que foran membros do Seminario, como Xaquín Lorenzo ou Antonio Fraguas, e que formaron despois parte do Padroado" que creou o Museo en 1977. O web que agora se presenta irá incorporando co tempo a totalidade 15.800 dos rexistros da colección que posúe o centro.

Universo culturagalega.gal

Universo

Explora o Universo

Pincha para ampliar esta historia
no seu contexto cultural galego

Escenarios
Claves temáticas