O pintor Otero Baena protagoniza a nova exposición do Museo de Pontevedra

As paisaxes deste creador poden verse ata o vindeiro 19 de xaneiro

Unha corentena de óleos e debuxos compoñen José Benito Otero Baena. Un pintor sen pinceis. A nova exposición do Museo de Pontevedra propón unha antoloxía deste creador, con obras datadas entre 1949 e 2016 chegadas do Museo Massó e de diferentes coleccións particulares.

Desde este 8 de novembro ata o vindeiro 19 de xaneiro o público poderá coñecer o traballo deste creador nado en Bueu en 1925 e que se caracteriza por ter substituíu o uso do pincel pola espátula. Segundo explica a presentación da mostra "conseguir unha forte intensidade cromática e converter a cor na protagonista súas composicións" foi o efecto desta técnica "coa que modelaba o pigmento aplicado con agresividade".

Cun especial interese polas paisaxes galegas desde o inicio da súa carreira, Otero Baena desenvolveu ao longo da súa carreira "un estilo persoal, unha linguaxe propia coa que expresar a súa visión da paisaxe e das escenas de pesca, nas que queda patente a súa especial predilección polo mar".

Logo dunha pausa, entre 1971 e 1979, cando ocupou a alcaldía de Bueu, o pintor recuperou a súa actividade cun estilo que evolucionou "cara a unha nova forma de expresar a cor, que tempera a violencia ao empregar tons suaves, o que, unido á súa constante procura da luz, ocasiona escenas asolagadas de claridade".