Tres autoras galegas marcan os lanzamentos de banda deseñada

Aldara Prado, Alicia Jaraba e Emma Ríos presentan os seus novos traballos

Aldara Prado, Alicia Jaraba e Emma Ríos presentan os seus novos traballos
Neste outono, a banda deseñada galega está a ter nome de muller. Tres autoras presentan os seus novos traballos, todos eles con primeiras edicións en mercados foráneos. Deste xeito, Emma Ríos lanzou na editorial americana Image o primeiro volume de Anzuelo. Na obra de 304 páxinas a cor, a arousá corre con guión e debuxo, e propón unha historia dun grupo de adolescentes que se enfrontan aos misterios dun mar que arrasou o mundo mentres tentan non danar ningunha criatura.

Nimue, pola súa banda, é o título do álbum de presentación de Aldara Prado. A ilustradora dá o salto á BD cun álbum de 128 páxinas publicado en francés por Casterman e en castelán por Norma. Na historia, a autora reescribe a histórica da Dama do Lago do ciclo artúrico presentándoa como unha historia de crecemento persoal. A autora está a presentar a súa obra e visitará Compostela o vindeiro 8 de novembro, con paradas na libraría Kómic e no Centro Sociocultural do Ensanche.

Despois do éxito do seu primeiro álbum, Soy la Malinche, Alicia Jaraba recuncou no mercado francés con Loin, obra que acaba e ver a súa edición en español con Nuevo Nueve co título Lejos. Os conflitos dunha parella que emprende unha viaxe en furgoneta ao sur de España son o eixe desta historia, na que ela ten fobia á auga e el un apaixonado do mergullo.