Vilagarcía chega a un acordo con Mercadona para musealizar os novos achados do castro de Alobre

Preservará a cetaria romana e a porta mariña do castro

23/10/2024 | Santiago. Redacción | Seccións: patrimoniohistoria
35 lecturas | Compartido 0 veces

Área de xacemento musealizado.

O concello de Vilagarcía de Arousa anunciou onte a chegada dun acordo con Mercadona, para a cesión de parte da parcela adquirida pola cadea de distribución alimentaria ao concello. Trátase da área na que foron atopados importantes restos arqueolóxicos vinculados ao castro de Alobre, e que pasarán a ser integrados dentro do parque municipal Valdés Bermejo. Trátase dos restos dunha citaria de época romana, a porta mariña do castro e estruturas anteriores, da Idade do Ferro. Mercadora cederá por cincuenta anos o uso desta parcela de 1016 metros, financiará dous anos máis de intervencións arqueolóxicas e a musealización dos restos por un valor de 65.000 euros. A intervención foi coordinada por Citania Arqueoloxía. Precisamente, Israel Picón, voceiro da empresa arqueolóxica, salientou que se chegaron a facer 18 sondaxes manuais e 14 mecánicas, que foron obrigando a ampliar o perímetro de protección e á elaboración de sucesivos proxectos arqueolóxicos. "Facede o que teñades que facer", dixo Israel Picón respecto da actitude da empresa propietaria do terreo e financiadora das intervencións, á que agradeceu a súa sensibilidade. "O que ocorreu con esta parcela é algo único en Galicia", resumiu.

Universo culturagalega.gal

Universo

Explora o Universo

Pincha para ampliar esta historia
no seu contexto cultural galego

Escenarios
3 lugares identificados