O FITO comeza hoxe a súa 17ª edición

O Festival Internacional de Teatro de Ourense ofrece espectáculos de 16 compañías ata o vindeiro día 27


O Liceo Recreo de Ourense acolle hoxe o espectáculo 'Vía Morta', de Culturactiva co que se dá apertura á programación da 17ª edición do FITO, o Festival Internacional de Teatro de Ourense, Un total de 16 compañías actuarán neste e noutros espazos da cidade das Burgas e de Celanova do 16 ao 27 de outubro. O FITO ofrece catro propostas chegadas desde Arxentina, Portugal, Cataluña e Madrid xunto coas de 13 compañías galegas. Neste último caso, a mostra acollerá as estreas absolutas da peza de danza 'Sobre o extravío ou a arte de perderse', de Furia Sotelo, o xoves 17; 'MCV (María Consolación Visitación Amadora)', de Loia Producións, o mércores 23; 'Un tal Romeo', de A Ramboia, o xoves 24, e 'Inventarios' de A Run Run, a partir do día 18 en diferentes rúas da cidade, así como as pezas que presentarán o martes 22 as catro compañías seleccionadas para a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica de bolsas de creación. Completan a participación galega nesta 17ª edición Culturactiva con Vía morta, Mercedes Peón coa peza híbrida 'Osmose' o venres 18, A Feroz con 'Boulevar Papagaio' o domingo 20 e Producións Teatrais Excéntricas con 'O auto do Castromil', coprodución co Centro Dramático Galego que pechará o FITO o domingo 27.



A representación internacional corre a cargo de Teatro Só, compañía luso-alemá que exhibirá a montaxe 'Sorriso' o sábado 19, e a arxentina El Rayo Misterioso con 'Buenos días señorita Leila' o sábado 26, mentres que Solitaria chegará desde Cataluña o domingo 20 con 'Mal de corazón', en coprodución do Teatre Nacional de Catalunya, e desde Madrid, La Rueda Teatro Social con 'Quiero colapsar a tu lado' o venres 25. A cidade de Ourense acollerá a meirande parte destas representacións no Liceo, o Teatro Principal ou a Universidade, agás unha das funcións de Teatro Só e a de A Feroz, programadas na praza Maior e no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova, respectivamente. O festival organizado por Sarabela Teatro celébrase un ano máis sen o apoio do Concello de Ourense, grazas ao patrocinio da Xunta e da Deputación Provincial.
Ligazóns