
A actividade, organizada pola Fundación Carlos Casares e patrocinada polo Concello de Vigo, a Deputación de Pontevedra e mais a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, será presentado por Bruno Doiro, e entre os profesionais participantes hai unha mestura entre perfís consolidados (Antonio Gil, Adrián Suárez, Ángel Luis Sucasas, Beatriz Legerén, Leticia Costas, Miguel Ángel Cajigal, 'El Barroquista' ) e outros máis novos (Lara Portela, Juan Luis Lorenzo, Carlos Rodas, Sara Romero ). A través do programa abordaranse cuestións como os deseños de narrativas, a presenza da arte nos video xogos, a transmisión lingüística nestes formatos, e experiencias concretas co patrimonio cultural ou con historias como 'Hamlet' na súa adaptación ao videoxogo. Como actividade externa, dentro das Xornadas, a Asociación RetroGalaicos presentará unha exposición e talleres escolares e familiares sobre videoxogos retro. Baixo o título "BIT a BIT. A evolución dos videoxogos!", a entidade desenvolverá entre os días 8 e 12 de outubro unha exposición sobre videoxogos dos 8 aos 64 bits, as consolas que moldearon esas xeracións, e talleres para escolares e talleres familiares o sábado. A entrada ás xornadas é de balde.