Ricardo Blanco-Cicerón: O home que salvaba pasado

O Museo de Pontevedra achégase á figura do grande coleccionista galego entre os séculos XIX e XX

O Museo de Pontevedra achégase á figura do grande coleccionista galego entre os séculos XIX e XX
Fragmento do cartel da exposición do Museo de Pontevedra sobre Blanco-Cicerón
Era unha persoa obsesionada con rescatar do esquecemento e da destrución todo tipo de obxectos patrimoniais. A súa posición social permitiulle acumular unha colección de coleccións única na Galicia de finais do século XIX e comezos do XX, un legado que conformou boa parte das bases dos museos que hoxe coñecemos no país. No entanto, a figura de Ricardo Blanco-Cicerón continúa a ser maiormente descoñecida no noso país. O Museo de Pontevedra reivindica agora este humanista cunha exposición monográfica.

O Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra acolle ata o vindeiro 10 de novembro O gabinete de Ricardo Blanco-Cicerón. Do coleccionismo ao museo, unha mostra pioneira que pon de relevo a figura do que foi o principal coleccionista de pezas históricas do noso país entre finais do século XIX e 1926, ano do seu falecemento. O proxecto, que se inaugurou este 12 de setembro no marco do Congreso Nacional de Numismática, leva ao público unha selección de pezas que fixeron parte da vida deste persoeiro e que, na súa maioría, non se amosaran ao público. Este carácter inédito exemplifica o descoñecemento no que ficou a figura deste coleccionista e investigador.

A descuberta
A conservadora do Museo Erea Castro actúa como comisaria desta mostra sobre unha figura que ten moi presente. "Coñecino en 2013 cando entrei de bolseira, con vinte e catro anos, no Museo de Pontevedra. Daquela, puxéronme sobre a mesa dúas caixas de medallas sen catalogar da súa colección e dous catálogos para que aprendese como se traballaba", explica esta investigadora. "Desde entón a súa figura converteuse nunha obsesión. En 2020, ao ver toda a información que había sen traballar e todos os antecedentes que se podían xerar en torno a moitísimos dos seus fondos, decidinme a facer unha tese de doutoramento que agardo presentar en 2025". A aproveitar este coñecemento, ela mesma propuxo montar a mostra que agora se pode ver, coa intención "por unha banda exhibir parte dos fondos numismáticos conservados no centro, moi descoñecidos para os pontevedreses, e pola outra facer un agasallo e unha benvida para toda a xente que asistía ao Congreso Nacional de Numismática", que acolleu o propio Museo este mes de setembro.

Entrar no gabinete
"Por cuestións de espazo a exposición é moi pequena. Céntrase na numismática pero sen deixar á marxe a figura" do homenaxeado, asegura a comisaria. "Polo espazo que tiñamos non podiamos reunir moitas pezas, e tampouco queriamos deixar o resto dos museos galegos sen as súas principais xoias", apunta. "Non nos pasou pola cabeza pedirlle os torques ao Museo de Lugo porque son uns dos grandes atractivos que teñen. Entón tentamos amosar como eran esas coleccións pero dun xeito sutil, sen aglutinar demasiada obra nun mesmo espazo. A intención é que a xente teña a sensación de estar nunha cápsula do tempo, como se entrase nese gabinete de finais do século XIX", para o que "se "amosan cousas curiosas do material de escritorio que podía ter Blanco-Cicerón" e "reproducimos unha fotografía do seu gabinete a grande tamaño para que as persoas que a visiten se fagan unha idea do tipo de coleccionista do que estamos a falar".

Materiais
Así, entre os materiais expostos, a organización destaca "un grafoscopio monoestereoscópico, que se empregaba como lente de aumento", ou "os baleirados en xeso das columnas de San Paio de Antealtares que se atopan actualmente no Museo Arqueolóxico Nacional; o raro Libro da Confraría do Cirial de San Ildefonso ou de Cambiadores da Catedral de Santiago (1429-1548), pertencente a un dos gremios máis antigos de Santiago de Compostela; así como varios lenzos de grande interese". Canda a estas, Castro apunta "unha armadura filipina, unha colección de entalles de glíptica de materiais coma xaspe, cornalina, lapislázuli, pezas moi pequenas pero dunha esquisitez abrumadora". No entanto, "sobre todo destaca a numismática, en particular a través dos seus mobles monetarios, que son pezas exquisitas e moi raras. Logo exhíbese grande parte da súa colección medallística, cunha lectura máis achegada á museografía actual, unha arqueta de caudais do século XV ou un bodegón de Pura Anido, que desde a exposición de Lugo de 1896 non fora exposto".

Libros e figuras
Alén do material exposto, a investigadora lembra que "mercaba tamén libros, tiña unha biblioteca riquísima. Salvou moitísimos libros, como o mencionado Libro de Cambiadores, "unha obra de finais do século XV que recolle todas as transaccións que se realizaban arredor da Catedral de Santiago relacionadas coa prata e o emprego da moeda en Santiago. É un libro interesantísimo que pasou totalmente desapercibido ata o de agora", reivindica Castro. Canda a este "foi quen de aglutinar moitos exemplares de códices e de documentos antigos. Lembro unha carta de Casto Sampedro na que lle pedía insistentemente unha partitura de chirimías e fagots para ritos litúrxicos dentro da Catedral de Santiago, que era algo ao que non todo o mundo tiña acceso". Dentro das súas coleccións "falamos tamén de mosaicos como o de Panxón", aínda pendente de completar o seu retorno ao noso país, ou "estatuíñas de Bronce como a do Hércules de Santa Trega, que lle doou á comunidade e que despois foi roubado. E aínda fíbulas, armas, armaduras e todo tipo de elementos desde a protohistoria ata a época contemporánea. Conseguiu facer un museo histórico dentro dunha casa".

Unha posición singular
Don Ricardo, a quen Castro Define como "un gran coleccionista, comprometido co patrimonio de Galicia e alguén que fixo moito non só pola arte, senón tamén pola sociedade na que vivía", procedía dunha familia de certa notoriedade na provincia de Pontevedra, os Centeno-Cicerón. "Segundo din, na súa época moza tiña tanto afán de custodiar e coleccionar cousas que tivo algún que outro problema, pero non sei se é certo. O que sei é que o feito de casar con Herminia García Blanco de la Riba dálle unha solvencia económica e un status que lle permite dispor de cartos, pero tamén dunha rede de negocios coa que mantén unha correspondencia diaria que lle permite chegar a todas partes". García Blanco "era sobriña directa de Simeón García Olalla de la Riba, o empresario procedente de Cameros, A Rioxa, que fundou o Banco Simeón". A partir deste contactos familiares, o protagonista da mostra dispuña dunha singular estrutura que facilitaba enormemente as súas adquisicións e que contribuíu a o converter nun referente no ámbito das antigüidades. "Os negocios que facían parte da estrutura do Simeón, ultramarinos onde se podía mercar de todo e facer xiros postais, facilitábanlle a Blanco-Cicerón que lle enviasen de Lugo a Santiago un paquete dun día para outro e pagalo de inmediato nestes establecementos. Entón era algo que a xente procuraba porque era un pago inmediato e sen problemas. Sempre o comparo co Amazon Prime de hoxe", explica Castro. Na mostra "tentamos explicar como unha persoa na Galicia desta época chega a ter ese poder adquisitivo, a pór de relevo a figura de Simeón de la Riba e tamén as grandes matriarcas de Cameros de A Rioxa que eran quen sustentaban ese poder empresarial".

Unha rede internacional
Para alén de chegar a todo o territorio galego con esta rede comercial, "como humanista, coñecía outros idiomas e mercaba tamén a casas de poxas francesas e inglesas, ou a Schulman, de Amsterdam, onde adquiriu numerosas pezas numismáticas. Tamén mantivo correspondencia con outros membros da familia Simeón de la Riba, e intercambiou pezas cun descendente dos Sáenz de la Riba, en Cádiz, con quen tiña o interese común das antigüidades". Mediante exemplos coma estes "vese que a súa rede é moito máis extensa do que a xente imaxina. Ata onde teño coñecemento non había unha figura comparable á súa a nivel económico e de contactos. O seu papel a apoiar o carlismo na Xunta Tradicionalista ligábao directamente a personalidades como o Marqués de Cerralbo e outorgáballe notoriedade e respecto". Para Castro, o protagonista da mostra era "unha persoa que estaba ao tanto de todo o que acontecía no seu tempo".

O impulso e as paixóns
Encol do impulso que puido ter levado a un home de negocios a practicar con tanta paixón o seu hobby de coleccionar obxectos históricos, Castro apunta que "canto máis afondo na súa correspondencia, máis penso que a súa era unha forma de pensar da época", e sinala visións similares en persoeiros próximos a el. "Hai que pensar que estudou no Seminario de Tui con Castro Sampedro", fundador da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra e primeiro director do Museo Provincial, "con quen tamén foi ao instituto a Pontevedra e mais a estudar Dereito en Santiago". Canda a el, "mantiña unha correspondencia asidua con Marcelo Macías, con Antonio López Ferreiro ou con Oviedo Arce, ademais de autoridades estatais como Guillermo de Osma ou o Marqués de Cerralbo. Existe aí un caldo de cultivo que fai que teña ese sentimento de protección e de interese humanista e artístico" polo patrimonio. Segundo a comisaria, "el vía na colección un xeito de acrecentar o seu saber, dun xeito similar a Casto Sampedro, e interesáballe absolutamente todo. Podía ter dípticos ou trípticos de marfil da escola Limoges do século XIV, xoias protohistóricas, lucernas, machadas de bronce ou pezas de orfebrería compostelá do Renacemento. En xeral o que lle interesaba era o estudo e permitir a todo mundo o acceso a estas coleccións. No museo que tiña na súa casa na rúa da Senra, en Santiago, entrou todo tipo de investigadores e de persoeiros, tanto a nivel galego como nacional e internacional". Malia a esta diversidade, existían campos concretos nos que se concentraba o interese deste singular recolector. "A súa sensibilidade chegaba a todo, pero penso que tiña unha paixón especial pola numismática, que supuña a maior colección das que posuía. Canda a isto, as xoias protohistóricas eran a súa outra debilidade". Dentro da devoción polas moedas, "había tres cousas que lle chamaban en particular. Por unha banda quería confeccionar unha colección de medallística que reunise todos os monarcas españois desde os Austrias ata Alfonso XIII. Logo interesáballe a moeda romana e mais a visigoda, sueva e ibérica. Tamén tiña pezas medievais moi interesantes".

Da colección ao museo
Para alén da importancia intrínseca das pezas atesouradas por Blanco-Cicerón ten especial importancia o destino de moitas delas, que supuxeron unha importante base para os museos públicos que, no momento da morte deste persoeiro comezaban a se desenvolver no noso país. Así, do patrimonio que chegou a nós da súa man "temos que destacar os torques, que custodia o Museo Provincial de Lugo e que non se conservarían se non fose por el. Tampouco os retablos do coro de Sobrado dos Monxes e da Catedral de Tui chegarían ao Museo de Pontevedra se non fose mediante a súa colección". Do mesmo xeito, "as columnas de San Paio de Antealtares non estarían no Museo Arqueolóxico Nacional, ou os Adán e Eva da fachada norte da Catedral de Santiago non se exhibirían no Museo Catedralicio se el non os rescatase. Hai xoias dunha enorme importancia presentes en todos os museos de Galicia que pasaron pola súa colección", confirma esta investigadora. Deste xeito, segundo salienta o propio museo, a mostra reúne fondos "do Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña, o Museo de Belas Artes da Coruña, o Museo do Pobo Galego, o Museo das Peregrinacións, o Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela, coleccionistas particulares e os fondos do propio Museo de Pontevedra". De xeito máis concreto, da colección numismática "no Museo de Pontevedra acabou unha parte significativa, pero non o total. Foron 5.329 pezas entre medallas e moedas que chegaron en 1998". Alén destas "o Museo de Belas artes da Coruña custodia unhas 250, e toda parte de ouro visigodo e moedas suevas saíron de España arredor dos anos 60. E non sei se a Facultade de Historia da Universidade de Santiago custodia algunha nas súas coleccións" onde terían chegado a través do profesor Fernando Acuña Castroviejo, bisneto de Blanco-Cicerón. "É o que teñen as moedas, que se moven con facilidade e polo mesmo tamén se dispersan facilmente", apunta a comisaria.

Tempos complexos para o patrimonio
A colección foi pois unha base material importante para o coñecemento sobre a nosa propia historia. Sen a intervención deste coleccionista "teríanse perdido moitas cousas. Naquela época acontecía que a xente no rural atopaba pezas como o tesouro de Caldas e fundíao. Había unha precariedade que non permitía ter unha mentalidade de amor e de respecto ao patrimonio como pode haber hoxe", contextualiza Castro. "Nesa situación el desempeñou un papel de salvagarda fundamental, aínda que hai quen opina que empregou o seu status para se aproveitar da necesidade das persoas para se facer con pezas patrimoniais". Fronte a esa visión, a doutoranda salienta o carácter humanista deste persoeiro, a destacar o seu compromiso coa sociedade do seu tempo en diferentes aspectos. "Unha vez estudada a súa correspondencia, vexo que era unha persoa moi involucrada coa sociedade, que entendía que había persoas en risco de exclusión e que pretendía axudar dentro das súas posibilidades. Estaba moi comprometido coa súa relixiosidade e coa comunidade. Hai moitas cartas de freiras ou de mulleres con fillos que están soas e non poden facer fronte ás necesidades das súas casas e que lle piden que lles compre algo. Non había só afán de acumular, existía tamén un transfondo de querer axudar".

Espallamento
O xeito no que un legado como este acabou espallado por centros públicos e coleccións privadas galegas e estranxeiras no canto de constituír por si mesmo a base dun centro museístico explícase polo reto que supón herdar este tipo de material. "O problema veu ao ser un patrimonio tan importante nas mans dunha soa persoa. Ao pasar aos seus descendentes, que son moítisimos, aconteceu o que en todas as casas coas herdanzas. Non se pode dividir un mazo de documentos medievais ou unha columna en cinco partes, esas cousas teñen que se vender para as repartir". Esta situación deuse ademais "nun momento no que os museos de Galicia comezan a arrincar e non teñen a capacidade económica para facer fronte a todo este patrimonio. Iso leva a que moitos destes bens se adquiran mediante poxas, de maneira dispersa e en anos diferentes", malia ás tentativas por evitar a dispersión do legado. "Cónstame que tanto Filgueira Valverde desde o Museo de Pontevedra, e institucións e persoeiros como Massó, Fernández López, o Museo de Belas Artes da Coruña ou porteriormente Felipe Senén desde o Museo do Castelo de San Antón tentaron aunar esforzos e que esas pezas ficasen aquí, pero non chegaron a todo", apunta Castro.

As perdas
Por se fose pouco, non todos os fondos acabaron no noso país. Como exemplo, sinala un caso destacado. "Teño noción dalgunhas das moedas visigodas de ouro que facían parte da colección de Blanco-Cicerón, que fixeron un percorrido desde o sur de España ata el e que hoxe en día poden facer parte dos tesouros dalgunha grande institución norteamericana". De xeito similar lembra o destino do Mosaico de Panxón, que acabou nunha colección privada de Nova York e que só en 2022 foi adquirido para o seu retorno a Galicia da man dunha iniciativa popular de recadación de fondos. Para alén da fragmentación das coleccións, "nese proceso pérdese unha cantidade enorme de información moi valiosa sobre os fondos, os antecedentes que permiten saber de onde ven cada peza. E eses antecedentes son precisamente os que tento reconstruír na miña tese, saber como chegaron as pezas desde Blanco-Cicerón aos museos e tamén como chegaron as súas mans", explica. "Construírmos este crebacabezas non só nos vai axudar a documentar os bens que custodiamos, senón tamén a visibilizar unha Galicia para a que sempre se ollou como unha zona illada e fóra da industria e das correntes da súa época desde os núcleos máis cosmopolitas como Madrid ou Barcelona", asegura a investigadora.

Un museo que non foi
A insistir no carácter humanista da figura, Castro sinala estar convencida de que "el quería que se fixese un museo co seu material. Non hai ningún documento que reflicta isto, pero cando levas anos a ver documentación dunha persoa acabas por reconstruír o seu pensamento". A apoiar esta idea apunta "unha carta que se custodia no Museo de Pontevedra na que lle escribe a Casto Sampedro dun xeito moi aflixido. Fala dun espolio que se estaba a facer no antigo hospital de Vigo, e conta que anticuarios de Barcelona ou Inglaterra levaban as esculturas do edificio. Ante isto, Blanco-Cicerón laiábase a se perguntar 'que ten que pasar para que o noso patrimonio non vaia fóra e quede aquí. Que vai ser da historia de Galicia cando leven todo?'". Deste xeito, no momento da súa morte "estaba a chegar o momento idóneo" para a cesión do seu legado. "Hai que pensar que o Museo de Pontevedra arrinca en decembro de 1927 e este señor morreu en 1926, pero formaba parte de todas as comisións históricas de monumentos, que foron os precedentes das sociedades arqueolóxicas e posteriormente dos museos. Era tamén unha das cabezas visibles da sección arqueolóxica da Exposición Rexional de 1909. Era alguén moi comprometido co patrimonio, e penso que estaba a agardar polo momento axeitado para ceder as súas coleccións".

Pendente de completar a súa investigación sobre Blanco-Cicerón, Erea Castro non comprende "que ninguén se teña parado ata o de agora nesta figura. Paréceme unha persoa fascinante. Eu teño que centrar a tese nalgúns aspectos da súa vida, pero toda a súa faceta no movemento carlista daba para outra tese e todo que é a súa figura na construción da banda como hoxe coñecemos no país, hai moitísima información por estudar e pode dar unha imaxe da identidade galega moi diferente á que se está a dar agora".

Moble monetario. S. XIX. Museo de Belas Artes da Coruña. Fonte: Museo de Pontevedra
Moble monetario. S. XIX. Museo de Belas Artes da Coruña. Fonte: Museo de Pontevedra

Escritorio e Grafoscopio mono-estereoscópico. Finais do XVIII-principios do XIX. Colección particular. Fonte: Museo de Pontevedra
Escritorio e Grafoscopio mono-estereoscópico. Finais do XVIII-principios do XIX. Colección particular. Fonte: Museo de Pontevedra

Libro de la Cofradía del Cirial de San Ildefonso o de Cambiadores de la Catedral de Santiago (1429-1548). Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela. Fonte: Museo de Pontevedra
Libro de la Cofradía del Cirial de San Ildefonso o de Cambiadores de la Catedral de Santiago (1429-1548). Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela. Fonte: Museo de Pontevedra

Corredor da exposición. Fonte: Museo de Pontevedra
Corredor da exposición. Fonte: Museo de Pontevedra

Fotografía do gabinete orixinal de Blanco-Cicerón. Fonte: Museo de Pontevedra
Fotografía do gabinete orixinal de Blanco-Cicerón. Fonte: Museo de Pontevedra

Bodegón, 1896. Pura Anido. Colección particular. Fonte: Museo de Pontevedra
Bodegón, 1896. Pura Anido. Colección particular. Fonte: Museo de Pontevedra


Medallas da colección Blanco-Cicerón. Fonte: Museo de Pontevedra
Medallas da colección Blanco-Cicerón. Fonte: Museo de Pontevedra


Retrato de Blanco-Cicerón. Fonte: Museo de Pontevedra
Retrato de Blanco-Cicerón. Fonte: Museo de Pontevedra