Unha xornada en Allariz amosa a profunda relación Vicente Risco e a música

En Ourense estrearase en galego a ópera 'A loba branca' de Brais González

En Ourense estrearase en galego a ópera 'A loba branca' de Brais González
O Consello da Cultura Galega e a Fundación Vicente Risco organizan en Allariz, na sede da fundación, unha xornada especial para explorar o universo musical arredor do intelectual na súa época. 'A música ten ondas como o mar. A música e Vicente Risco' é o título deste encontro que o sabado 28 de setembro reunirá a cerca de vinte persoas que achegarán coñecementos e experiencias que indagarán sobre o legado musical existente na casa da muller de Risco e as implicacións da música na súa vida e obra. Na casa de dona María del Carmen Fernández Gómez consérvanse un piano, algunhas das súas partituras, unha mandolina en proceso de restauración e unha morea de artigos do seu home, Vicente Risco, sobre a música: desde a música popular a moitas outras e desde o estudo etnográfico do folclore á reflexión que ofrece o seu gozo.

Lorena López Cobas; Samuel Diz; Elvira Carregado Pazos; Xosé Rodríguez Díaz; Pablo Sánchez Otero; Xosé Fernández Fernández; Isabel Rei Samartim; Rosa María Cid Galante; Miquel Badal e Alejo Amoedo forman parte deste programa que inclúe un concerto a cargo da soprano Belén Vaquero, con Ramón Carnota na mandolina e Isabel Pérez Dobarro ao piano. Na véspera do evento, o venres 27 de setembro terá lugar no Teatro Principal de Ourense a representación da ópera 'A Loba branca' de Brais González (Vigo, 1987). Esta obra, escrita por encarga do Festival delle Nazione de Città de Castello (Umbria, Italia), está baseada na "lenda da loba branca" da Serra do Courel, recollida por Vicente Risco no seu traballo 'Etnografía. Cultura Espiritual', e que narra a complicada relación entre unha manda de lobos e as aldeas veciñas. Esta é a estrea absoluta da obra orixinal en galego tras ser estreada en Italia no ano 2022 en italiano.