Miguel de Lira recibirá o premio do Festival RiR de Allariz

O VII Festival de Curtametraxes de Comedia celébrase entre os vindeiros 1 e 7 de setembro

O VII Festival de Curtametraxes de Comedia celébrase entre os vindeiros 1 e 7 de setembro
A nova edición do premio RiR Contigo, que recoñece traxectorias profesionais vinculadas á comedia no noso país foi para Miguel de Lira. O actor e cómico ve recoñecido o seu labor de anos neste campo no marco do VII Festival Internacional de Curtametraxes de Comedia RiR de Allariz, que se celebra na Vila do Arnoia entre os vindeiros 1 e 7 de setembro.

O programa da nova xeira conta coa proxección de 35 filmes seleccionados entre os 291 que se presentaron á cita. En total realizaranse catro bloques de proxeccións de curtametraxes de 75 minutos cada un, entre os cales un estará dedicado exclusivamente a curtametraxes documentais. Ademais, a sesión inaugural permitirá ollar de novos as producións premiadas na última edición do evento.

Alén de proxeccións, o programa inclúe o espectáculo Ritmando de As Jalochas para o público máis cativo, a gravación en directo do podcast Bueno Carallo Bueno e unha charla coa xornalista María Aller sobre "A comedia de guerrilla", xunto a varios produtores e ao actor Gerald Fillmore.

O FICAR Entrimo participará do evento na sección de festival convidado, mentres Gerardo Sánchez presentará no marco do festival o seu libro Memorias de un cinéfilo sarnoso. As webseries Pulp Air de Anita Pico e Poscoito de Héctor Rodríguez estrearanse tamén durante o festival. Ademais, poderá verse unha proxección especial co ocasión do vixésimo aniversario do filme Toxic Percebe.

Zinemusik e Escena Sonora, coa colaboración do Concello de Allariz e a Deputación de Ourense organizan este evento, que finalizará o día 7 coa gala de entrega de premios.