Isabel Risco premiada pola súa traxectoria no Festival RIR

O certame alaricano recoñece así o traballo da actriz vencellado á comedia e o humor

O certame alaricano recoñece así o traballo da actriz vencellado á comedia e o humor
isabel Risco Foto cedida por AAAG
A actriz Isabel Risco (A Coruña, 1975) foi a elexida para levar este ano o recoñecemento honorífico do premio RIR Contigo do Festival Internacional de Curtametraxes de Comedia RiR, de Allariz. Risco é unha coñecida actriz de comedia en teatro e audiovisual, entre os seus traballos máis recentes está a serie "Nabiza Girl", cunha personaxe dunha webserie creada por ela en pezas de YouTube. No ano 2020 foi designada pola Asociación de Actrices e Actores de Galicia (AAAG) para ler o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro. O festival RIR, que celebrará a súa 5ª edición entre os vindeiros 5 e 10 de setembro, fai así unha homenaxe a esta intérprete vencellada á comedia e ao humor. Nos vindeiros días coñecerase a Selección oficial do festival, que incluirá ata 37 curtametraxes.