
O festival que organiza a Asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Deputación da Coruña e a Axencia Galega das Industrias Culturais, entre outras entidades, achega como unha das súas grandes novidades o proxecto A feira vella de Rianxo, unha recreación dramatizada das antigas feiras tradicionais que se desenvolverá ao longo da semana e na que se achegarán xogos populares, obradoiros, os autómatas de Xirapaus ou actuacións escénicas como a do Grupo de Teatro Airiños entre outros contidos.
Ademais, o programa, que inclúe dúas producións propias e sete coproducións, recolle as estreas de novas producións de Trécola, con As aventuras de Pituquito, A Cova das Letras, que presenta Chafallas a vendedora de fume, A vella do gaiteiro, de Títeres Alakrán, o Cantar do ano de Rianxo e Peito de Lobo de Seisdedos, e mais a versión galega de Baleazaleak, obra dos vascos de Ostomila Títeres.
Marie Jirásková e Pavel Jirásek, dous dos principais especialistas na tradición checa de monicreques, protagonizan o curso de formación desta edición e achegan unha exposición temática de títeres históricos do seu país. Canda a isto, realizarán dúas visitas guiadas, unha proxección audiovisual comentada arredor desta cuestión e presentarán varias publicacións ao respecto.
A presenza internacional nesta xeira complétase coa compañía Marionetas Rui Sousa, de Portugal, Los Claveles, de Murcia, que presentarán unha versión do Retablillo de don Cristóbal de Lorca, a madrileña La Tartana e mais Títeres desde Abajo, desde Andalucía.
Como é habitual, o programa inclúe o pasarrúas con cabezudos A festa dos títeres e mais unha nova xeira do espectáculo As varietés do Barriga Verde, producidas polo propio festival. Os Monicreques de Kukas, Babaluva, Pedras de Papel ou Teatro O Cubo, que leva ao programa a coprodución co Centro Dramático Galego De Vilatriste a Vilalegre fan tamén parte da proposta. A mesa redonda que se celebrará baixo o título Os títeres o maior espectáculo do mundo, exposicións didáctica e unha mostra de títeres do mundo nos escaparates completan o programa.