O Consello da Cultura Galega publicou hoxe na rede, con motivo do Día Nacional de Galicia, a obra Terra, cantata para solista, coro e orquestra, do compositor Juan Durán con textos de Ramón Cabanillas. A obra fora estreada o 24 de novembro de 2023, durante a celebración do 40º aniversario do Consello da Cultura Galega no Palacio da Ópera da Coruña. A cantata foi interpretada pola Orquestra Sinfónica de Galicia e o seu Coro, dirixidos por Víctor Pablo Pérez, e contou coa voz do barítono Javier Franco e a colaboración de Javier Fajardo, director musical do coro. Para Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, "esta é unha obra que se alicerza na tradición sen renunciar á innovación coa que Juan Durán contribúe ao progreso e actualización consonte á súa xeración". Para Luis Costa, "Terra é unha obra ambiciosa e complexa", que se inspira nos textos da etapa máis reivindicativa do poeta Ramón Cabanillas (Cambados, 1876-1959), cantados por Javier Franco. Costa destaca a visión desta obra coma "un amplo fresco repartido en cantos á maneira dunha Divina comedia en música, por onde transitan os sentimentos, as paisaxes e a historia dun país que é real e á vez imaxinado por todos os que o soñan". No web do CCG pódede descargar o folleto, así como acceder ao concerto (tamén neste vídeo incrustado de debaixo da noticia).