O vestíbulo do Pazo provincial da Deputación de Pontevedra, acolle desde onte e ata o 30 de agosto a mostra 'Cines de Pontevedra'. Esta exposición recupera a memoria das salas de cine da provincia, con materiais e documentación, que dan a dimensión da importancia social e cultural que tiña ir ao cine, desde os espazos e arquitecturas que foron acollendo o espectáculo ao conxunto de actividades, prácticas sociais e relacións artelladas nos tempos en que o cine era a principal forma de ocio, e tamén a máis barata. Ademais dos restos materiais das vellas salas e dos documentos de arquivo, a exposición inclúe tamén un documental que recolle os testemuños e recordos de persoas que viviron o esplendor destas salas previo á chegada da televisión, memorias e vivencias persoais recollidas en colaboración cos concellos e centros de persoas maiores da provincia de Pontevedra, que participaron cubrindo máis de 500 enquisas e mantendo conversas sobre os seus recordos do cine. Froito dese traballo, realizáronse as gravacións durante o verán de 2022. A mostra está comisariada por Jesús Ángel Sánchez García e tra-lo seu período no Pazo Prvincial percorrerá os concellos da provincia.