Denuncian a utilización dunha mámoa protexida como rampla para motos

ADEGA e Mariña Patrimonio solicitan á Dirección xeral de Patrimonio que tome as medidas para a protección do xacemento

ADEGA e Mariña Patrimonio solicitan á Dirección xeral de Patrimonio que tome as medidas para a protección do xacemento
Captura do vídeo co suposto salto sobre a mámoa
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e Mariña Patrimonio veñen comunicar a presentación perante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural dunha denuncia pola utilización da "Mámoa de Guítara 1" como rampla de saltos en probas motociclistas de "enduro". O xacemento arqueolóxico denominado "Mámoa de Guítara 1" (GA27041044), catalogado e protexido pola DXPC desde o ano 1990, sitúase no Monte de Sampaio, en Guítara, no concello de Pantón, provincia de Lugo, na parcela con número de referencia catastral 27041A07600392, esta estrutura funeraria en forma de túmulo, construída no Neolítico, podería ter unha antigüidade duns 5.000 anos.

Ortofoto coas marcas do circuíto de motos e o lugar da mámoa. Fonte: ADEGA / Mariña Patrimonio
Ortofoto coas marcas do circuíto de motos e o lugar da mámoa. Fonte: ADEGA / Mariña Patrimonio


Segundo comunican estas asociacións, nas últimas actualizacións de varios visores de ortofotografías, móstranse imaxes aéreas "onde se aprecia claramente que na parcela citada existe o trazado dun circuíto para motos". Afirman as entidades que nestas imaxes "vese que o trazado do circuíto pasa por riba do túmulo catalogado e protexido pola Dirección Xeral do Patrimonio". Sinalan as denunciantes que segundo as noticias de prensa recollidas por elas as probas motociclistas de todo terreo do Alto de Guítara, "nas que chegaron a participar 250 motos", veñen celebrándose dende o ano 2022, e a última edición tivo lugar en marzo de 2024.

Supostos saltos sobre a mámoa entre os minutos 13 e 16 da filmación.

As asociacións denunciantes derivan a varios vídeos públicos en You Tube que segundo eles "deixan claro que este monumento megalítico é utilizado como rampla para os saltos das motos". As asociacións ADEGA e Mariña Patrimonio denunciaron estes feitos por considerar que as carreiras de motos sobre este ben patrimonial protexido probablemente non conten coa preceptiva autorización da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Así mesmo, solicitan que se tomen de inmediato todas as medidas necesarias para evitar que no futuro estas probas afecten o xacemento arqueolóxico ou a súa contorna de protección. Ademais, tendo en conta que no Monte de Sampaio, en Guítara, hai outras 9 mámoas catalogadas, pídese que se inste á organización do evento a cambiar a localización destas competicións.