A asociación Mariña Patrimonio informou hoxe da localización de dous monumentos megalíticos en Barreiros (Lugo). Trátase dun túmulo de 15 metros de diámetro en Penabor, e que conserva tres ortostatos dun dolmen, así como outra mámoa no Cruceiro da Ínsua, que ten vinte metros de diámetro. Mariña Patrimonio e a Irmandade Santo Estevo, unha asociación cultural de Barreiros, solicitaron á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a inclusión dos dous novos monumentos no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, "aínda que temen que se sumen á longa lista de bens patrimoniais que a Dirección Xeral de Patrimonio nin cataloga nin protexe debido ao boicot que realiza ás solicitudes que presenta Mariña Patrimonio".