O Museo de Pontevedra exhibirá o mural de Conde Corbal do Bar Carabela

A Deputación adquiriu a obra para asegurar a súa conservación e evitar a disgregación das súas partes

Fragmento do mural  Fonte: Olladas de pontevedra
Fragmento do mural Fonte: Olladas de pontevedra
A Deputación de Pontevedra acaba de pechar a compra do mural do artista José Conde Corbal (1923-1999), que ata o 2022 adornou durante 57 anos o friso superior do antigo Bar Carabela na Praza da Estrela en Pontevedra. O ente provincial chegou a un acordo coa familia Alvariño para a adquisición da peza, integrada por seis paneis, por 6.000 euros. O mural, datado en 1965, supón segundo a entidade provincial unha peza de relevancia histórica, cultural e social para Pontevedra, cun significado identitario para a cidade que o fai merecente de ser custodiado no Museo de Pontevedra. A peza foi considerada nalgúnha ocasión polo crítico de arte Ramón Rozas un "espello interior desa cidade que tanto quixo".

O mural, que estivo exposto no Bar Carabela durante décadas ata fai dous anos, está integrado por seis paneis que ofrecen a vista da praza da Estrela coa rúa Figueroa; imaxes dos edificios modernistas da Praza da Ferrería; así como do Bar Carabela, a praza da Estrela e o antigo edificio de Facenda; da igrexa de San Francisco, da Peregrina e vistas do Bar Savoy; dos soportais da Ferrería e da rúa Soportais coa Peregrina ao fondo. Coa adquisición, por parte do Museo de Pontevedra, estase a asegurar que o mural se conserve integramente, evitando a disgregación dos seis paneis dos que consta. A partir de agora, o Museo de Pontevedra ten por diante a execución de tarefas de limpeza e restauración do mural de Conde Corbal xa que, aínda que se atopa en bo estado de conservación, debido á exposición ao fume e a outros xentes propios dun local hostaleiro, presenta unha capa de sucidade que cómpre eliminar para poder ser exposto nun estado óptimo. Está previsto, ademais, que unha vez posto a punto se busque a mellor localización dentro do Museo de cara á súa conservación e exposición.


Conde Corbal, un artista con apego identitario
José Conde Corbal foi debuxante, gravador e pintor. Iniciou a súa carreira artística en 1957 e a súa primeira exposición tivo lugar no Liceo Recreo Ourensán en 1958. Nesta cidade fixo amizade con persoas como Vicente Risco, Otero Pedrayo, Ferro Couselo ou Xaquín Lourenzo, cuxa influenza foi decisiva no desenvolvemento da súa obra. Desde os seus inicios o artista apostou pola representación estética da identidade galega e os motivos etnográficos, así como as costumes, as romarías, o traballo do campo e do mar, os monumentos e as paisaxes galegos. A súa obra está representada no Museo de Pontevedra desde 1959 e actualmente conserva na colección 54 pezas orixinais. Ademais, Conde Corbal estivo moi vinculado ao Museo, colaborando con deseños museográficos e protagonizando ata once exposicións individuais entre 1962 e 1989.