O IGAPE da Xunta de Galicia fixo públicas as axudas, procedentes do programa europeo FEDER, para "centros de fabricación avanzada". Entre as concedidas está unha importante partida de 4,87 millóns de euros, o 80% dun investimento total de 6,11 millóns de euros que xestionará Pedralonga Estudios, unha agrupación de empresas audiovisuais, entre as que se atopa Voz Audiovisual, Vaca Filmes, Zenit Televisión ou o propio Clúster Audiovisual galego, xunto coa Universidade da Coruña. O proxecto contempla a construción dun complexo de 5.500 metros cadrados para crear dous platós de rodaxes, "dos cales non existe ningún das mesmas caracterÃsticas operando en España". Estes platós construiranse ao carón do outro gran proxecto de plató que tamén xa se está a facer na Cidade das TIC da Coruña: o Plató virtual Coruña Estudo Inmersivo, para o que a Diputación investiu en obra máis de dous millóns de euros e para o que Telefónica conseguiu o contrato de dotación tecnolóxica por 6,1 millóns de euros. Este plató permite recrear a través dunha pantalla semicircular led de 28 metros de longo por 6 metros de alto e unha pantalla de teito móbil de máis de 100 metros cadrados, escenarios virtuais que se empregan para a produción audiovisual. En total, entre os dous proxectos, o investimento no polo audiovisual da Coruña suma quince millóns de euros.