A Deputación da Coruña licita a construción dun estudio audiovisual virtual

A entidade inviste 2,5 millóns de euros no proxecto Coruña Estudio Inmersivo

| Santiago. Redacción | Seccións: Audiovisual
Compartir:
Recreación virtual de Coruña Estudio Inmersivo. Fonte: Deputación da Coruña.

Recreación virtual de Coruña Estudio Inmersivo. Fonte: Deputación da Coruña.

Coruña Estudio Inmersivo é o nome do que será o "maior estudo audiovisual virtual de España", segundo anunciou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín Rodríguez Formoso. A entidade provincial licitou este 10 de novembro o proxecto de construción do edificio que acollerá esta instalación, proxecto para o que destinou un total de 2.539.108 euros.

O edificio contará con dous bloques conectados por un patio central, un dos cales acollerá o propio plató e o outro as instalacións de servizo como "camerinos, vestiarios, unha sala de maquillaxe e perruquería, unha sala de figuración, tres salas polivalentes, dúas de controis técnicos, despachos, salas de produción, unha zona de descanso e conciliación, unha sala de instalacións, e un almacén".

O plató en si contará cun muro de pantallas LED de alta resolución dispostas nun arco de 20 metros de lonxitude e 8 de alto canda a un teito 30 metros cadrados. Segundo asegura a Deputación estas instalacións permitirán "crear contidos inmersivos para producións de ficción, realidade virtual e aumentada, que son de aplicación no campo cinematográfico, televisivo, publicitario ou dos videoxogos".

O presidente da entidade sinalou que o proxecto "será un revulsivo para o sector audiovisual galego e suporá o posicionamento estratéxico de Galicia dentro do Plan 'España, Hub audiovisual de Europa'",

Aos 2,5 millóns de investimento actual súmanse outros 6,1 destinados ao equipamento tecnolóxico para o funcionamento desta instalación. Este orzamento xa foi adxudicado pola Deputación da Coruña a Telefónica o pasado mes de agosto. Está previsto que o edificio, construído con bloques prefabricados de formigón, estea rematado en oito meses nunha parcela de 2.539 metros cadrados na Cidade das TIC da Coruña.

Que che parece esta nova?
94 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Deputación da Coruña, TIC, ARCO, Europa

Claves

Conceptos
Lugares