A Mostra de Ribadavia sopra 40 candeas

O evento de artes escénicas acollerá a estrea da nova coprodución do CDG e Culturactiva 'Nada se sabe'

A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia celebra este ano o seu 40º aniversario coa que será a edición "máis plural, inclusiva e festiva" da súa historia. Así se puxo de manifesto hoxe na presentación en Santiago de Compostela da programación que se desenvolverá do 19 ao 27 de xullo e para a que o Concello ribadaviense volve contar coa colaboración económica da Xunta. A presentación tivo lugar no Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego (CDG), que tamén este ano conmemora as catro décadas da súa fundación como a principal institución escénica da Comunidade.

Estes aniversarios coincidentes celebraranse conxuntamente coa presenza da compañía pública na carteleira da Mostra de Ribadavia, onde o 26 de xullo estreará 'Nada se sabe', coprodución con Culturactiva que forma parte da programación do 40º aniversario do CDG. Tamén será outra coprodución promovida pola Xunta de Galicia, neste caso a través do Centro Coreográfico Galego a que inaugurará a MIT, trátase de 'Dique', de Nova Galega de Danza con dirección de Marta Pazos, que precisamente terá a súa estrea absoluta o vindeiro 21 de xuño no Salón Teatro. O peche desta edición de aniversario correrá a cargo de 'Iribarne', a montaxe de ButacaZero, en coprodución co Centro Dramático Nacional e a propia MIT.

Durante os seus nove días de celebración, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia recibirá outras recoñecidas figuras da creación e dirección escénica, como Guillermo Calderón, Alice Ripoll, Alberto Conejero ou Esther Carrodeguas como parte dunha carteleira na que tamén figuran grande nomes do clown, como o arxentino Gabriel Chamé e a inglesa Peta Lily, así como as estreas en Galicia dos novos traballos de Alberto Velasco ou Los Galindos. Documentais, coloquios, cursos e presentacións complementan a intensa programación de espectáculos, para a que xa están á venda os bonos en ataquilla.com. Poderán adquirirse por esta vía ata o 24 de xuño, data a partir da que as entradas restantes estarán dispoñibles tanto na oficina da mostra como na súa web.
Ligazóns