
A maternidade, os roles de xénero, as modas e tendencias no mercado da arte, ou mesmo as disciplinas escollidas para traballar, revélanse en 'Outras historias posibles' como elementos que impactaron na súa forma de entender a creación, nos camiños que decidiron tomar e na visibilidade das súas traxectorias. A experimentación coa cerámica nas esculturas de Emilia Guimeráns, as pinturas tecidas de Tusi Sandoval, o realismo minucioso que xoga coa percepción nos óleos e debuxos de Anne Heyvaert, o compromiso social nas pinturas e xilografías de Laura Terré, o desexo de capturar os soños de Blanca Silva ou as explosións de cor de Ana García Pan forman en 'Outras historias posibles' un conxunto heteroxéneo no que se manifesta, sobre todas as cousas, a pluralidade do talento. Tamén nas historias particulares destas seis artistas atopamos unha multiplicidade de intereses vitais e profesionais que as persoas visitantes poderán coñecer, de primeira man, a través dunha serie de entrevistas realizadas especificamente para esta mostra.