Sete décadas de creación de Rafael Úbeda no Gaiás

A exposición retrospectiva do pintor inaugurouse hoxe e recolle obra de toda a súa traxectoria artística

A exposición retrospectiva do pintor inaugurouse hoxe e recolle obra de toda a súa traxectoria artística
No acto de inauguración estiveron presentes o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, a comisaria, Pilar Corredoira; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente da Real Academia de Belas Artes, Manuel Quintana, e a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez
O Museo Centro Gaiás acolle desde hoxe a exposición 'Rafael Úbeda. Visión retrospectiva', que foi inaugurada esta mañá polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. A mostra abrangue as máis de sete décadas de traxectoria de Rafael Úbeda (Pontevedra, 1932), que, aos seus 93 anos, presenta unha das grandes exposicións da súa vida. A exposición componse de 45 pinturas, 5 debuxos e unha peza audiovisual inédita para mergullarse no seu universo creativo. Úbeda desprega a súa vida en chave puramente artística e a súa obra pode entenderse como a construción dunha paisaxe interior-exterior que reflicte lugares, tempos e xentes. Na exposición pódense atopar pezas dos inicios da súa carreira, como 'Natalia' (1956), ou outras que pintou tan só hai un par de anos, como 'Sueño armónico' (2023). A mostra conta cunha peza audiovisual inédita realizada por Miramemira, quen tamén creou un documental máis amplo que se pode ver na web da Cidade da Cultura.

Úbeda, tras interesarse dende novo pola pintura, viaxou a Madrid nun camión de peixe para vivir varios anos na capital. Dende aí, trasladouse a Holanda e Italia, gañando galardóns como o Gran Premio Roma e vinculándose a artistas do mundo do cinema como o director Federico Fellini ou o actor de comedias Totó. Na actualidade, continúa pintando no seu estudo de Samieira (Pontevedra). Cun expresionismo case violento procura, a través da pintura, coñecer o verdadeiro camiño vital. A súa obra non se entrega ao que sucede de súpeto, senón que medita todo o que lle acontece e déixase impregnar polo que o emociona nun proceso lento, proxectando esta meditación na súa pintura. Esta exposición na Cidade da Cultura de Galicia poderá visitarse ata o vindeiro 7 de setembro