O dinamismo dunha selva musical na que medra o talento

A undécima edición dos Premios Martín Códax recoñecen a proxectos veteranos e novos

A undécima edición dos Premios Martín Códax recoñecen a proxectos veteranos e novos
Peche da gala. Foto: Pixelin Photo / MAV
A escena musical galega tivo onte no pazo da Cultura de Pontevedra a súa grande celebración coa entrega dos XI Premios Martín Códax, organizados desde a asociación Músicas ao Vivo, que aglutina profesionalmente ao sector dos intérpretes. Nun clima festivo o acto, retransmitido en directo vía Internet pola aplicación da TVG (e que pode recuperarse en YouTube), estivo conducido por Xurxo Souto acompañado da banda Xangai. O artista, que foi quen de contaxiar a súa paixón e enerxía durante as máis de dúas horas do evento, reivindicou para a música o papel de sector máis dinámico da cultura en Galicia, situou o inicio da canción en galego fai 800 anos, coas cantigas do trobador que dan nome a estes galardóns e fixo ao longo da noite múltiples alusións a Luísa Villata, homenaxeada neste Día das Letras galegas, pola ineludible ligazón que ela creou entre poesía e música. As entregas de premios foron conformando un palmarés conxunto de grande presenza feminina e tamén marcado pola puxanza das chamadas Xeración Z e Milenials, nuns resultados conformados pola apertura do voto popular no proceso de elección.

No reparto final houbo lugar para proxectos que xa van acumulando máis dun destes premios ao longo dos anos, como foi o caso de Guadi Galego, premiada na categoría de Canción de autor/a, e de Brais Moran, que subiu ao escenario coa banda Nasaufunk, recollendo o terceiro premio para o músico que este ano presentaba xustamente o seu terceiro traballo. Tamén a sala A Arca da Noe acumula con esta edición tres premios Organistrum á súa actividade musical. Dentro desta "gran celebración da selva diversa da música galega contemporánea", así definida por Xurxo Souto, tamén os novos espécimes desta selva interxeneracional subiron a recoller recoñecementos. Foi o caso de Mondra, finalista en dúas categorías co seu primeiro traballo discográfico e que puido acadar o favor das votacións para facer co galardón de Música Electrónica. Ou o de Hydn, visiblemente nerviosa ao recoller o Martín Códax das Músicas Urbanas. A cualidade "emerxente" era a propia no caso do galardón recollido por Gloria Pavía, visiblemente emocionada e solicitando, como a maioría, apoio para as salas de concertos das cidades, cerne de tantos proxectos.

Reivindicacións e presenza feminina
Esa reivindicación de apoio ás salas, xunto coa da profesionalización dos músicos, a unión do colectivo, as contratacións e o afastamento da precariedade, ademais da de solicitar maior presenza de bandas galegas nos carteis dos festivais foron continuas na noite, ademais doutras mensaxes que ían alén do sector para lembrar o conflito palestino-israelí e situarse en contra da implantación da fábrica de Altri. Houbo intervencións tamén sobre igualdade, saúde mental e conciliación, sensibilidades que viñeron facilitadas grazas a que a presenza feminina no atril de premiadas foi case unha constante da noite cos premios a Caamaño & Ameixeiras, Catuxa Salom, Lucía Aldao, Carme López, e as xa citadas Guadi Galego, Gloria Pavía e Hydn. Ademais das artistas que encabezaban outros proxectos como a banda heavy Her Anxiety ou Uxía Lambona e a banda molona, así como Noemi Vázquez da A Arca da Noe e outras mulleres integrantes do resto dos proxectos premiados. En realidade só en catro dos 19 premios entregados onte, a representación dos grupos que subían á recollida estaba integrada só por homes. Ademais do cal Souto estivo acompañado sobre o escenario ata en catro ocasión por outras tantas artistas, xa fose como dúo con el ou interpretando en solitario.

Tras das entregas dos premios Organistrum, na entrega dun dos cales estreouse o Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López, a celebración deixou para o final dous momentos sempre importantes destes premios: a mensaxe da directiva da asociación Músicas ao Vivo (MAV) e a entrega do premio de honra, que este ano destinábase ao músico Emilio Cao. Os membros da directiva, pola voz da secretaria e tesoureira da asociación, Pati Castro, expresaron a súa alegría e agradecementos pola participación e apoios recibidos para sacar adiante esta festa da música galega, "cita ineludible da nosa cultura". Lembrando que o obxectivo é dar escaparate á variedade e calidade da música en Galicia, escenificar o potencial da música como sector estratéxico cultural e económico, así como deixar "o camiño un pouco mais andado para os que veñen". Respecto ao novo procedemento de selección de proxectos e votación popular, o 50 por cento da man do público e o 50 por cento de socios e socias de MAV na fase finalista, a representante sinalou a enorme participación obtida, que "bateu todos os rexistros" e sinalou que no futuro procurarán "pulir" as eivas atopadas no proceso de votacións. Na entrega do premio de honra, tras un emocionante vídeo de presentación sobre o premiado, Emilio Cao, contando coas súas achegas e agradecementos ao premio, foi o seu fillo Mateo quen recolleu o galardón de mans do presidente das Bodegas Martín Códax, patrocinadoras do evento, transmitindo o agradecemento do seu pai e algún dos seus recordos.



Proxectos premiados:
-METAL E HEAVY: Her Anxiety
-CANCIÓN DE AUTOR/A: Guadi Galego
-BLUES, FUNK E SOUL: Brais Morán & Nasaufunk
-ELECTRÓNICA: Mondra
-MÚSICA FOLK: Caamaño&Ameixeiras
-MÚSICA TRADICIONAL: Os Melidaos
-MÚSICAS DO MUNDO E MESTIZAXE: Catuxa Salom
-BANDAS DE MÚSICA POPULAR: Agrupación Musical de Goián
-ROCK E PUNK: Terbutalina
-MÚSICAS URBANAS: hydn
-ORQUESTRAS, GRUPOS E MÚSICA DE VERBENA: América de Vigo
-MÚSICA CLÁSICA E CONTEMPORÁNEA: Carme López
-JAZZ E MÚSICAS IMPROVISADAS: Pablo Sanmamed Trío + Benxamín Otero
-POP E INDIE: Lucía Aldao
-MÚSICA INFANTIL: Uxía Lambona e a Banda Molona
-ARTISTA EMERXENTE: Gloria Pavía
-Organistrum SALAS: A Arca da Noe
-Organistrum FESTIVAIS: As Nosas Músicas
-Organistrum COMUNICACIÓN E DIFUSIÓN MUSICAL: Miudiño Sessions - A Regueifa Plataforma 2.0
-PREMIO HONORÍFICO: Emilio Cao