O Cortexo Cívico de Pontedeume celebra as Letras cun roteiro lembrando a dez figuras

Este acto conmemora os 160 anos da estadía de Rosalía de Castro e Murguía en Breamo

Este acto conmemora os 160 anos da estadía de Rosalía de Castro e Murguía en Breamo
Carme Blanco no Xardín de Lombardero no Cortexo Cívico 2023. Foto: Fernando Bellas
O Día das Letras Galegas Pontedeume acollerá un Cortexo Cívico como celebración da nosa cultura e literatura. Neste acto que terá lugar entre as 12:00 e as 14:00 horas, farase un percorrido por dez puntos do concello que servirán para homenaxear a dez figuras senlleiras da nosa cultura e da nosa literatura. Serve este evento como celebración tamén dunha efeméride ao cumprir este día dos 160 anos de estadía en Breamo do matrimonio formado por Rosalía de Castro e Manuel Murguía, que segundo consta estiveron alí en 1864, procurando os aires do mar para curar unha afección pulmonar da escritora.

Comezarán os actos no Xardín de Lombardero, onde Xosé Luís Axeitos, escritor, académico da RAG e membro da comisión executiva da Fundación Rosalía de Castro prantará unha figueira filla daquela que medra ao pé da Casa de Rosalía en Padrón. Após deste recordo á escritora e a Murguía outras nove paradas servirán para lembrar xustificadamente a Uxío Novoneyra; ao arquitecto Antonio Tenreiro; a Xohana Torres; Galo Salinas; Manuel Molares; Couceiro Freixomil; Ramón Regueira; Ramiro Fonte e Luís Pimentel. Todos eles vencellados dalgún xeito a este lugares onde serán lembrados contando coas colaboracións de Silvia Penas, Teresa Moure, Xavier Alcalá, Miguel Anxo Fernán Vello, Dores Tembrás, Xulio López Valcárcel, Ramiro Fonte e dos arquitectos Covadonga Carrasco e Xoán Creus.