A Coruña conmemora os 150 anos da presenza de Rosalía de Castro na cidade

Unha exposición, un roteiro, concertos e conferencias compoñen o programa da celebración

Unha exposición, un roteiro, concertos e conferencias compoñen o programa da celebración
Entre 1871 e 1874, Rosalía de Castro e a súa familia viviron na Coruña, cando Murguía foi traballar ao Arquivo do Reino de Galicia. Agora, o Concello, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, conmemora os 150 anos do comezo da estancia cun programa de actividades que comeza este 10 de novembro e se desenvolve ata o día 12.

A exposición A Casa de Galicia. Cincuenta anos da Casa de Rosalía abrirá o programa, a amosar a evolución deste espazo expositivo nun proxecto comisariado por Pepe Barro. Poderá verse nos Xardíns de Méndez Núñez ata o vindeiro 24 de novembro e logo iniciará unha itinerancia por todo o país que partirá do Culturgal.

Unha conferencia de Pilar García Negro sobre a vida da autora na cidade, outra sobre Murguía na Coruña e a fundación da RAG a cargo de Xosé Lois Axeitos complétanse cun concerto de Uxía co proxecto Rosalía Pequeniña e outro de Najla Shami. O día 12, Suso Martínez desenvolverá un roteiro guiado, do que o concello publicou un mapa informativo coas diferentes paradas. Todas as actividades son de balde ata completar capacidade.


Durante o tempo de estadía da familia na Cidade Herculina, a casa número tres da rúa do Príncipe viu o nacemento de Amara. O período deixou pegada en dous poemas de Follas novas "Na tomba do xeneral inglés Sir John Moore, morto na Batalla de Elviña (Coruña) o 16 de xaneiro de 1809", asinado explicitamente na Coruña, e o outro é "Pra A Habana", que encabeza o apartado "As viúdas dos vivos e as viúdas dos mortos" do poemario.