O alcalde do Concello de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores ven de asinar un acordo coa presidenta da Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE), María Guerra, para que a vila acolla as dúas vindeiras edicións da gala de entrega dos Premios Feroz de longametraxes cinematográficos de España que organiza esta asociación. Mediante este importante acordo Pontevedra entra no mapa audiovisual estatal no que é un impulso ao audiovisual da cidade, que organiza o festival Novos Cinemas e alberga a Facultade de Comunicación Audiovisual, e tamén un recoñecemento á crecente importancia e capacidade da industria audiovisual galega no seu conxunto. Os Premios Feroz son unha cita cada vez máis importante para a cinematografía estatal, emuladora dos Golden Globes estadounidenses, e que se ten celebrado anteriormente en Madrid, Bilbao (2019), Alcobendas (2020) e Zaragoza (2022 y 2023). Á primeira das citas, que reunirá nunha cea-gala a máis dun milleiro de persoas da industria audiovisual estatal, terá lugar o vindeiro 25 de xaneiro de 2025 no recinto feiral da cidade do Lérez. Agárdase unha grande alfombra vermella con numerosos rostros coñecidos do cine español entre so que sen dúbida haberá importantes presenzas galegas. Nos pasados anos intèrpretes como Luis Zahera ou maría Pujalte recolleron algún destes galardóns.