María Vázquez nomeada a mellor actriz nos Premios Feroz

As películas 'O Corno' e Samsara entran nas candidaturas dos Premios Feroz Arrebato

As películas 'O Corno' e Samsara entran nas candidaturas dos Premios Feroz Arrebato
María Vázquez nun fotograma de Matria
Os Premios Feroz da Asociación de informadores Cinematográficos de España veñen de facer pública a lista completa de nomeamentos aos seu galardóns. De entre os cinco recoñecementos aos que aspira o audiovisual galego destacan o de María Vázquez como candidata a Mellor Actriz protagonista polo seu traballo na película Matria, de Álvaro Gago; e as candidaturas dentro dos Premios Feroz Arrebato de 'O Corno' de jaione Camborda en Ficción e de Samsara, de Lois patiño en Non Ficción.

Os premios Arrebato, que levan este nome pola película referencial de Iván Zulueta, buscan recoñecer a obras con "especiais logros artísticos e achegas innovadoras nos seus respectivos campos". O palmarés para o audiovisual galego nestes nomeamentos complétase coa inclusión nas categorías de Mellor cartel para o traballo de Alejandro llamas para 'O Corno' e para a segunda temporada de 'Rapa', de Portocabo, como nomeada a Mellor Serie Dramática. Seguindo o calendario previsto, entre o 11 e o 21 de xaneiro terá lugar a segunda ronda de votacións, facendo públicos os tres máis votados de cada categoría entre os cinco nomeados actuais. Finalmente o 26 de xaneiro daranse a coñecer aos gañadores dos Premios Feroz 2024. Este vindeiro sábado, 16 de decembro, decidiránse os Premios Forqué, nos que están nomeados tamén María Vázquez e Samsara.