Pontevedra acolle os Premios Feroz este 25 de xaneiro

O Concello achega ao seu Youtube seis entrevistas con persoeiros do audiovisual estatal

Este sábado 25 de xaneiro o Pazo da Cultura de Pontevedra acolle a XII gala de entrega dos Premios Feroz. A Cidade do Lérez alberga por vez primeira os galardóns que outorga a Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE) e o Concello artellou arredor desta ocasión unha ambiciosa programación cultural. A última proposta neste sentido é Ouveo Feroz, unha serie de seis entrevistas que se poden ver na canle de Youtube municipal.

Alumnado de centros de ensino da cidade encargouse de desenvolver estes faladoiros con diferentes profesionais do mundo do cinema e do audiovisual que visitaron estes meses a cidade con ocasión deste programa. Lois Patiño, Paula Ortiz, Sonia Méndez, Javier Giner, Alberto Vázquez e Bob Pop protagonizan esta serie de vídeos, que terán continuidade ao longo do ano con novas entrevistas a cineastas ou profesionais da actuación.

A gala do sábado, que se retransmitirá por La2 de Televisión Española e poderá seguirse tamén polo Youtube da organización, contará cun público ao vivo de 700 persoas. O acto finaliza unha programación que, ao longo dos últimos meses, levou a cidade a recoñecidas personalidades do mundo audiovisual estatal.

Na mesma desenvolvéronse un total de 22 proxeccións de filmes e series e 14 encontros con actores, actrices e cineastas, con nomes como Eduardo Casanova, Lois Patiño, Víctor Iriarte, Paula Ortiz, Clara Galle, Álvaro Rico, Carmen Machi, Diego San José, Clara Sans, Carmen Machi, Diego San José, Clara Sans ou Candela Peña entre outros nomes.

A isto sumáronse catro clases maxistrais e un coloquio sobre o papel das mulleres na industria audiovisual. En virtude do acordo do Concello coa organización, a cidade acollerá tamén a celebración destes premios en 2026.