Os poetas Pepe Cáccamo (Vigo, 1950) e Baldo Ramos (Celanova, 1971) levan dez anos presentando proxectos conxuntos nos que exploran os límites da poesía visual convertendo os seus traballos en obxectos de arte plástica que xa se exhibiron en salas de exposicións antes. En 2014 os seus mundos literarios comezaron a orbitar arredor dos límites da poesía visual, sobre o libro como soporte plástico e sobre a obxectualidade da palabra poética. Comezaron esta exploración en equipo editando en 2014 'CaRa inversa', dous anos despois 'librosconversos' e elaborando o primeiro proxecto expositivo 'A dobre páxina', unha proposta exclusivamente visual que se exhibiu en 2018. Agora veñen de facer isto mesmo con 'Criptografías' (Alvarellos editora, 2022), terceira publicación na que se reencontraron os dous autores e coa que este ano tamén deron o paso ás salas de exposicións. En xaneiro foi a galería Metro de Santiago a que a presentou e agora é a Galería AF de Vigo a que acolle a mostra derivada deste traballo. Trátase dunha colección de poemas visuais de liña letrista en conversa con textos poéticos que foron escritos coa vontade de diluír a autoría nunha voz común que fai enormemente singular esta proposta.