A Semana de Poesía Salvaxe volta a Ferrol con apoio municipal

O encontro celebra a súa XVI edición entre os días 25 e 27 de abril

Aínda que o pasado ano se anunciara a fin da actividade, a Semana de Poesía Salvaxe de Ferrol continúa neste 2024. A recuperación do apoio municipal á proposta permitiu que o veterano encontro literario celebre a súa décimo sexta edición entre o 25 e o 27 de abril.

A organización do encontro dedica a edición á memoria de Fernando Naveiras, falecido o pasado mes de xaneiro, e lembra os 50 anos da Revolução dos Cravos portuguesa, ademais de denunciar "o xenocidio que o Estado de Israel leva a cabo no territorio ocupado de Gaza". "Baixo o ceo e a terra da POESÍA, a poesía que fai posible habitar o Tempo que nos toca vivir, faremos realidade a resistencia e a risa, crearemos un lugar liberado no mismísimo corazón desta Primavera", anuncia a presentación do evento. Ademais do soporte municipal, a organización do encontro abriu un crowdfunding para cubrir os custos da programación.

Charo Lopes e Leo de Matamá abren o encontro no Ateneo Ferrolán ás 18 horas, seguidos dun recital a cargo de Juan Carlos Mestre, Eugenia Sanmartín, Victor M. Díaz, Quico Cadaval, Luís Valle, Samuel Paris, Judite Canha e Manolo Bacalhau.

O día 26 será o Mercado de Recimil a sede da sesión das 12:30 horas. Helga Méndez, Pedro e Paloma, Víctor M. Díez, Karlotti, Luix Kaf, Zapico, Dyso, Itha K canda a poetas convidadas e unha sección de micro aberto participan desta actividade. Ás 13:30 horas, os versos trasládanse á Fundación Artabria da man de Quico Cadaval, Silvia García, Xosé Cáccamo, Su Garrido, Carlos d'Abreu, Zapico, Itha K., Keith Payne, Antonio Tizón e DYSO. Na tarde, o Centro Cultural Carvalho Calero acollerá as Coplas analfabetas de Samuel L. Paris e Su Garrido, e a xornada rematará no Café Manchita Cosa a partir das 23:30 horas con Café Voltaire.

A sesión de sábado 27 o Centro Cívico de Canido reunirá ás 12:30 horas a Vicente Araguas, Xosé María Cáccamo, Dyso, Víctor M. Díez, Xosé Abeledo, Leire Bilbao, Karlotti e Itha K. O paseo en barco Mareando Versos ás 18 horas, e un cadáver exquisito a cargo de Chico Naval, Su Garrido e Leo fecharán o programa no Cuerda Floja a partir das 19:30 horas.