A XVII Semana de Poesía Salvaxe aterra nas rúas de Ferrol

O encontro celébrase entre os vindeiros 23 e 26 de abril

Rúas, prazas, mercados ou centros socioculturais da cidade de Ferrol énchense de versos entre os vindeiros 23 e 26 de abril. A XVII edición da Semana de Poesía Salvaxe chega cunha destacada presenza de autores de fóra de Galicia.

Deste xeito, a organización salienta a presenza de Miren Agur Meabe, de Euskadi, Silvia Abad Montoliú, de Francia, Judite Canha Fernandes, de Portugal, Víctor M. Díez e o multiinstrumentista Rodrigo Martínez, de León, e Itha K., de Valencia.

Canda a eles, Anxo Angueira, Lucía Aldao, Estevo Creus, Eduardo Moga, Pepe Cáccamo e Baldo Ramos achegarán a representación galega ao encontro, que tamén conta con voces de ámbito local e comarcal como Eugenia Sanmartín, Helga Méndez, Marcos Lorenzo, Manolo Bacalhau, Antón Cortizas, Chefa Alonso, Vicente Araguas, Karlotti, Nicolás Vidal, Roger de Flor, Colectivo Moraima, Xoán Abeledo e, segundo segura a organización "algunha sorpresa máis".

"Coa poesía nos dentes, tomaremos de novo as rúas e prazas de Ferrol, os mercados e os lugares nos cales a palabra pasta nos campos vizosos do silencio, o ruído enxordecedor da multiplicación dos pans e os peixes, sucedáneos de peixes e pans, as leiras cultivadas polas tarefas cotiás, onde a vida reprodúcese cada día sen descanso e a palabra, ferida ás veces, ás veces morta, amable ou terrible, tatexa ou balburcia, descoñecida, silencio e grito, aí é onde os poemas nútrense e onde dalgún modo, móstranse útiles na súa luminosa inutilidade", apunta o manifesto de presentación desta xeira.