Abel Tomé faise co XXXVI Premio García Barros de Novela

O autor fecha unha triloxía coa obra A noite do oso

O autor fecha unha triloxía coa obra <i>A noite do oso</i>
Abel Tomé. Fonte: Editorial Galaxia
O Concello da Estrada daba a coñecer este 18 de abril o fallo da trixésimo sexta edición do Premio de Novela Manuel García Barros. A noite do Oso de Abel Tomé impúxose neste galardón dotado con 9.000 euros en metálico. Carlos Loureiro, Noelia Gómez Calvo, Armando Requeixo e Rosalia Morlán, conformaron o xurado desta xeira.

A acta do xurado destaca da obra "a súa capacidade para fusionar realidade e lenda nunha narración que avanza no territorio avolto dos segredos familiares ao longo da historia de todo un século". O fallo salienta ademais que "escrita con innegable oficio, esta novela ganduxa as fías do relato persoal e o comunal, establecendo un diálogo feraz coa figura de Sylvia Plath, que presta a esta narración simbolismo e poder evocativo".

A obra fecha unha triloxía que Tomé iniciou con A noite do corvo (2018) e continuou con A noite do lobo, Premio Illa Nova de Narrativa 2019, ambas publicadas pola editorial Galaxia.