Ana Cabaleiro imponse no XXX Premio de Novela Manuel García Barros

A súa obra As Ramonas será publicada pola editorial Galaxia

O Concello da Estrada daba a coñecer onte o fallo do XXX Premio de Novela Manuel García Barros. A viguesa Ana Cabaleiro impúxose na nova xeira do galardón coa obra titulada As Ramonas, que narra a historia dunha fotógrafa de vodas que ansía transcender e alcanzar a liberdade a través da arte e que lle reportará un premio en metálico de 9.000 euros. O xurado, composto por Eulalia Agrelo Costas, Carlos Lema, Armando Requeixo, Olalla Cociña e Carlos Loureiro como secretario, destacou que a obra, está "narrada cunha prosa de extraordinario labrado, salienta polo fino trazado das personaxes e a nidia aposta pola forza dos vínculos que veñen da infancia e da adolescencia e tamén da familia e a tribo, especialmente aqueles que a unen ás súas devanceiras e compañeiras”.



O membros do xurado tamén destacaron que "toda a acción ao longo do escrito transcorra en interiores de coches e que estes se convertan no espazo social polo que discorre a historia, e engadiu que isto non se trata dun `falso efectismo´, senón que serve como canle para o transcurso da novela". O libro será publicado o vindeiro outono pola Editorial Galaxia.