A Xunta convoca as axudas á modernización e xestión de espazos de cine e artes escénicas

Entre as dúas liñas de subvencións suman un orzamento de 880.000 euros a cargo de fondos europeos

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases das subvencións a infraestruturas de artes escénicas e musicais, dotada con 500.000 euros. Veñen engadirse estás axudas ás publicadas onte coa convocatoria anual destinada a salas de cine, para as que reserva unha dotación de 380.000 euros, de xeito que ambas liñas suman un novo investimento de 880.000 euros na modernización e xestión sostible deste tipo de espazos culturais. Trátase da cuarta convocatoria anual consecutiva no caso dos cinemas e da terceira para os espazos de exhibición escénica e musical. Ambas as convocatorias, que poderán solicitarse ata o vindeiro 22 de abril, desenvólvense en réxime de concorrencia competitiva con financiamento a cargo dos fondos Next Generation EU e Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. O orzamento destinado nesta ocasión ás salas de cine aumenta respecto aos 350.000 euros da convocatoria de 2021 pero redúcese moito respecto aos case 850.000 euros cos que estivo fornecido en 2023. No caso das infraestruturas de artes escénicas e musicais, convocadas anteriormente en 2022, tamén ven reducido o seu orzamento respecto aos 880.000 euros consignados naquela convocatoria, unha cifra exactamente igual á que agora reparte o goberno galego entre as dúas modalidades que comprenden ambas convocatorias.

No caso concreto das axudas a salas de cine, apoiaranse proxectos desenvolvidos ata o vindeiro 31 de outubro para contribuír á súa innovación e dixitalización, así como para facilitar a súa adaptación a un mercado influído polos novos hábitos no consumo audiovisual asociados ao crecemento das plataformas dixitais, especialmente a partir da pandemia. A través desta vía, da que o ano pasado resultaron beneficiarios 12 espazos doutras tantas localidades, a Xunta incidirá en tres eixes de acción: dixitalización e aplicación das novas tecnoloxías, adopción de medidas de desenvolvemento sostible e impacto ambiental positivo, e iniciativas destinadas á fidelización e captación de público e á configuración dunha programación diversa e inclusiva. Neste último apartado, apoiarase especificamente a circulación da cinematografía europea e iberoamericana, con especial atención ás obras de produción galega e en versión orixinal galega. Entre as actuacións subvencionables, atópanse tamén campañas de captación de públicos e accións especiais dirixidas a centros educativos, de integración social e/ou cultural ou para profesionais do audiovisual, entre outras.

Axudas a espazos municipais
Pola súa banda, as subvencións para teatros, auditorios e salas de espectáculos escénicos e concertos diríxese principalmente á renovación dos sistemas dixitais de iluminación, vídeo, son e comunicación en rede, maquinaria escénica, xestión artística e produción, así como ao acondicionamento e rehabilitación dos edificios para favorecer a súa adaptación ao cambio climático. Poden optar a estas axudas, a través das que nos dous anos anteriores se investiron 2,4 millóns de euros en 82 espazos, tanto concellos como entidades privadas para acometer os seus proxectos de mellora ata o 1 de xullo de 2025. A contía da axuda poderá acadar o 80% do orzamento no caso das empresas, cun límite de 15.000 euros, e do 70% para a Administración local, con 40.000 euros como máximo, que se elevan a 50.000 euros para as agrupacións de entidades.
Ligazóns