A Catedral de Santiago pon en valor o Panteón Real de Galicia

A nova museografía da Capela das Reliquias realizouse co apoio da Deputación da Coruña

| Santiago. Redacción | Seccións: Historia
Compartir:
Panteón Real. Fonte: Fundación Catedral de Santiago

Panteón Real. Fonte: Fundación Catedral de Santiago

A comezos deste mes de marzo a Fundación Catedral de Santiago daba a coñecer a nova museografía da Capela das Reliquias e do Panteón Real que acolle este espazo do templo. A entidade realizou melloras na iluminación da capela e renovou a cartelaría e outros elementos expositivos da mesma, ademais de desenvolver diferentes materiais didácticos para dar a coñecer este patrimonio.

Deste xeito, a Fundación editou un libro sobre este ben con textos de varios autores expertos canda a un folleto para o público visitante. Tamén publicou na rede nove vídeos divulgativos e artellou unha guía didáctica sobre estes bens. Todo este material está dispoñible nun web específico e tamén a través do web do Museo da Catedral.

O proxecto O Panteón Real de Compostela: A Alianza do Regnum e o Sacerdotium para a configuración dun Templo Nacional conseguiu o apoio de 10.000 euros por parte da Deputación da Coruña no marco do Fondo de Proxectos Culturais Reino de Galicia 2023.

Segundo lembra a Fundación Catedral, "a capela das Reliquias é un dos espazos máis senlleiros da Catedral de Santiago. Dende o século XVI alberga o coñecido como Panteón Real, por reunir nela unha serie de enterramentos de reis e personaxes influíntes do Reino Medieval de Galicia". Os restos de Fernando II, Afonso VIII (IX), Berenguela, o conde de Galicia Raimundo de Borgoña, o conde de Traba Pedro Froilaz e Xoana de Castro, que foi raíña de Castela, están custodiados neste espazo.

Que che parece esta nova?
100 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Baixo as flores de lis

Baixo as flores de lis

A restauración da capela do Salvador desvela elementos da historia da catedral de Santiago

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Catedral, Catedral de Santiago, Deputación da Coruña, Reis...