O Teatro Afundación de Vigo acolle hoxe xoves, 7 de marzo ás 20:00 horas, á real Filharmonia de Galicia que inclúe no seu programa a estrea da peza 'De mar a Mar', obra do compositor Jacobo Gaspar (Mos, 1975) encargada pola RFG. O concerto está enmarcado no programa '(EN)FOCO ondas de inspiración' da formación orquestral, unha nova proposta de programas que consiste en concertos comentados dunha hora de duración para axudar a comprender a música clásica a aquelas persoas que se achegan por primeira vez a ela. A RFG estará baixo a dirección de Johanna Malangré e contará coa participación da musicóloga Rosa Fernández. A estrea do compositor galego abre a velada. Nesta peza, segundo a presentación, "latexa a súa constante busca das posibilidades expresivas do son, a través de texturas e referencias poético-musicais". O concerto inclúe a peza 'Danzas concertantes' de Igor Stravinski, estreadas en Los Ángeles en 1942 co compositor como director; a obra contén toda a enerxía rítmica das súas primeiras composicións e a claridade e refinamento melódico das súas obras neoclásicas. Robert Schumann pon fin ao concerto coa segunda das súas catro sinfonías, estreada por Mendelssohn en 1846 con escaso éxito. Esta obra componse nunha época difícil para Schumann, sumido nun desacougo que non se reflicte na obra, escrita cunha linguaxe moi innovadora e cun empuxe orquestral moi vencellado ao Beethoven sinfónico. O concerto repetirase o venres, 8 de marzo, no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela.