Chega a versión orquestral de Memorias dun Neno Labrego

A Real Filharmonía de Galicia estrea unha composición de Aaron Siebert sobre a obra de Neira Vilas

O Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, acolle este xoves 26 de novembro a estrea dunha peza singular. A Real Filharmonía de Galicia (RFG) interpretará por vez primeira Memorias dun neno labrego, composición do músico orixe galega asentado en Nova York Aaron Siebert a partir a obra homónima de Xosé Neira Vilas. A peza, encargada pola RFG dentro da súa aposta polos compositores noveis da comunidade, "é unha obra que se nutre das raíces musicais e culturais galegas para plasmar a miña visión persoal de Galicia vencellada ao mundo reflectido na devandita novela", segundo explica o compositor. "A dramatización musical da vida de Balbino, o seu protagonista, céntrase no carácter único da súa inocencia: unha inocencia anciá, que funde infancia e vellez a través dun certo realismo máxico. Esta dicotomía é un alicerce central da miña visión da identidade de Galicia".

A composición estrearase no marco do concerto Paxaros e orquestra, que inclúe tamén a peza Cantus Arcticus do compositor finlandés Einojuhani Rautavaara e mais Concerto para violín en re do tamén finlandés Jean Sibelius. A actuación poderá seguirse en liña a través da canle de Youtube e do Facebook da RFG.