O CDG estrea hoxe 'Memorias dun neno labrego'

Co espectáculo homenaxease a Neira Vilas no seu décimo cabodano e o 65 aniversario da publicación do libro

8/1/2026 | Santiago. Redacción | Seccións: TeatroEspectáculos
159 lecturas | Compartido 1 veces

Hoxe abre a súa actividade deste 2026 o Centro Dramático Galego coa estrea, ás 18,00 horas, no Salón Teatro de Santiago de Compostela do espectáculo 'Memorias dun neno labrego', nova versión teatral da famosa novela de Xosé Neira Vilas producida coa compañía Contraproducións baixo a dirección escénica de Cándido Pazó.
Con esta montaxe a compañía pública homenaxea a figura de Neira Vilas no 10º aniversario do seu pasamento e no 65º da publicación do libro 'Memorias dun neno labrego'. O Museo do Pobo Galego colaborará con esta efeméride a través de visitas guiadas ligadas á temática da obra. O espectáculo poderá verse no Salón teatro ata o 25 de xaneiro e do 11 ao 15 de febreiro, ademais de xirar inicialmente por outra decena de localidades nestes dous meses. Arestora o espectáculo xa conta con máis de 2.500 entradas vendidas.


As lembranzas de Balbino, o rapaz de aldea que é xa un dos personaxes máis universais das nosas letras, regresan a escena 15 anos despois de que o propio Pazó levara ás táboas unha primeira adaptación teatral en formato monólogo. Para esta segunda revisión da obra no ámbito do teatro profesional, conta con Xúlio Abonjo, Manuel Cortés, Iris Darriba, Mónica García, Federico Pérez Rey, Santi Romay e Ana Santos para lle dar vida a un espectáculo moi dinámico e para todos os públicos. As lembranzas de Balbino preséntanse como a memoria colectiva dunha Galicia rural que se foi diluíndo ou transformando, poñendo en primeiro termo a emoción, pero botando man tamén do humor e da comunicación directa co público. Ademais da dirección escénica, Cándido Pazó asina este texto teatral que sigue a voz sincera e sensible deste fillo de labregos pobres medrando nun mundo de silencios, traballo e obediencia. Así, Balbino narra con mestría a vida cotiá nunha aldea galega dos anos corenta: a escola, a relación co pai, os soños frustrados, as inxustizas sociais e o desexo constante de fuxir do seu destino. Completan o equipo Pablo Giráldez na escenografía e atrezzo, Martina Cambeiro no vestiario e caracterización, Xosé Lois Romero na música orixinal, Afonso Castro na iluminación, Belén Pichel na axudantía de dirección e Mariña Lestón na asistencia a produción, que traballan man a man co persoal técnico do CDG.
Ligazóns externas

Universo culturagalega.gal