Unha mostra pon de relevo o patrimonio oleiro da provincia de Lugo

Un ciclo de concertos achegará a música das Cegas de Ouselle a tres fornos tradicionais de cerámica

Duascentas cincuenta pezas de cerámica tradicional elaboradas nos centros oleiros provincia de Lugo. Esta é a proposta que a exposición Conciencia dunha tradición. Olaría de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós abría a súas portas no Vello Cárcere da capital provincial este 29 de febreiro e permite achegarse a este patrimonio artesán ata o vindeiro 17 de maio.

Entre as pezas expostas, a máis antiga é unha ámboa de Samos datada en 1706. Canda a ela, pódese apreciar na mostra a variedade de feituras de barreñóns, cuncas, pucheiros, olas, xerras, meleiras, barrís ou aceiteiras. Estas acompáñanse de paneis con textos explicativos e de contexto sobre os usos e peculiaridades do oficio e dos seus produtos.

Canda a elas, exhibirase unha selección de fotografías nas que se amosan ferramentas do oficio da olaría e retratos de profesionais deste ámbito. A mostra inclúe tamén unha sala con contidos específicos para persoas invidentes e outra dedicada a Luciano García Alén, pioneiro na investigación sobre esta arte.

O proxecto foi coordinado polo Grupo de Investigación EcoPast da Universidade de Santiago de Compostela, polo Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), e mais pola Asociación de Ceramoloxía Canaveira.

A inauguración da mostra contou cunha actuación de As Cegas de Ouselle. Este proxecto musical de Aldara Palmeiro, Miguel Lustres e Antón Castro percorrerá, da man da de deputación provincial, diferentes emprazamentos vencellados á olaría por toda a provincia.

A iniciativa recupera o repertorio do trío feminino de invidentes que percorrían as feiras do país nos anos trinta do século XX. Romances, cancións e pezas para o baile acompáñanse de réplicas dos carteis con que se narraban as historias orixinalmente. Logo da presentación da mostra, o grupo actuará no forno de Pepa da Veiga en Bonxe (Outeiro de Rei) o 30 de marzo, no forno de Lulle en Roxofrei (Samos) o 20 de abril, e o 11 de maio na reitoral de Gundivós (Sober).