Doce actuacións compoñen o programa do IX Festival Singular

O encontro de monólogos teatrais desenvólvese en Narón do 1 ao 24 de marzo

| Santiago. Redacción | Seccións: Espectáculos
Compartir:
Doce actuacións compoñen o programa do IX Festival Singular

O Pazo da Cultura de Narón acolle entre o 1 e o 24 de marzo as doce actuacións que fan parte do programa do IX Singular, Festival Internacional do Monólogo Teatral. Lolita Flores é a encargada de abrir a edición con Poncia, unha adaptación de A Casa de Bernarda Alba, de Federico García Lorca. Para o día 2 será a quenda de Ibuprofeno Teatro, que leva a escena Deadpan Karaoke, a súa última produción, protagonizada por Marián Bañobre, mentres o 3 A Cova das Letras presenta a súa Frida.

As actuacións continuarán ao longo das fins de semana do mes, coa narración oral de Bea Campos e Marcho, que teño que marchar, Lunátika de La MedinaEs Company e mais O Arquivo do Chibo de Pablíssimo os días 8, 9 e 10.

Para o día 15 a Compañía Eléctrica levará a escena a historia da "Miss España galeguista" en Miss Docet da man de Iria Pinheiro. O 16 é a quenda da compañía uruguaia Teatro La Morena e a súa Yo soy Fedra. Fecha a fin de semana Aurora Artes Escénicas coa obra familiar Maruxiña.

As últimas sesións, dos días 22 a 24, compoñen o programa Butacazero, con Esther F. Carrodeguas a levar a escena O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, o D. Ramón María del Valle Inclán de Bravo Teatro e mais a Historia dunha nena namorada do mar con que O Sol de Outono fecha esta xeira do festival. As entradas para todas as funcións están á venda no web do Padroado de Cultura de Narón.

Que che parece esta nova?
58 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Teatro, Federico García Lorca, Lorca, Ibuprofeno Teatro...